Xa pasou o trago da organización, e aínda quedando lonxe da perfección, penso que non quedou tan mal a cousa. Vaiseme facer algo complexo resumir tanta actividade, polo que vou optar por varias entradas temáticas máis cativas, doadas de ler, e que me servirán para lembrar a xornada cando volte a elas.
Está visto que as xantanzas xa non son nada sen actividades paralelas, e para esta ocasión parecía un pecado pasar polas terras do Cebreiro e non visitar unha das súas queixerías. Por proximidade co noso destino, elixín a Queixería Xan Busto en Nullán (As Nogáis), unha das dúas da D.O.P. Queixo do Cebreiro.

Recibiunos Carmen, a matriarca que aturou pacientemente o complexo encaixe dunha caravana de mediaducia de coches, e aínda que eu esperaba que estivera sorprendida polo despregue de cámaras que acompaña aos blogastrónomos, quitounos importancia dicindo:
A semana pasada estiveron os da Galega.
Unha vez quedou claro que dous coches se extraviaran e ían comezar o aperitivo antes cos demáis, Verónica, a filla, guiounos cara o pequeno galpón no que se transforma o leite das súas oito vacas, e que cada 3 días sirve unhas 50 unidades desta pequena xoia luguesa.

Cunha producción dunhas 4000 unidades anuais, que xa ten vendidas, parece un bo negocio, pero o procedemento semiartesanal, desanima as propietarias para aumentar a producción.
Unha das cousas que me resultou máis curiosas, é o tema da forma de sombreiro invertido ou cogomelo. Actualmente os moldes só imitan o que antigamente non era máis que un sobrante de queixo que quedaba fora dos moldes, e se expandía cara a fora polo peso aplicado a modo de prensa.

Ter a producción xa vendida complicou a degustación, pero a un blogastrónomo non se lle pode deixar ir sen probar o produto, e finalmente fixémonos cun exemplar desa elaborado esa mesma mañá, e que levamos A Lareira para degustar, sendo para min un dos grandes éxitos da xantanza.
Queda iso sí, a arela de probar o Queixo Curado do Cebreiro, ese mito do que moito se oe, pero ninguén viu, e moito menos probou. Unha procura que ten toda a traza de levar o mesmo camiño có do Santo Grial… Só que os templarios eran uns afeccionados ao noso lado…
chúzame -































