El Empalme non é un bar de pinchos. É un deses restaurantes de estrada no que un pode tomar un café ou unhas tapas na barra de paso que vai de viaxe, ou pode sentarse tranquilamente a degustar os deliciosos pratos que con cogomelos prepara Gloria Martín, a cociñeira. Iso si, sempre previa reserva.

Despois de varios intentos, xantamos alí fai uns meses. E fai un par de semanas volvemos a pasar por alí, esta vez a media mañá camiño de Madrid, Xa na visita anterior falaramos dos blogs; e de novo saíu o tema nesta ocasión, en canto os donos se deron conta de que lles soaban as nosas facianas.

En canto lle comentei a Gloria o tema do meu blog marchou cara a cociña; e cando nos demos conta, estábanos agasallando co delicioso pincho que podedes ver: un delicioso petisco de foie, con pasta de olivas e escamas de man de buda.

Todo un detalle pola súa parte, e unha grande sorte para nós!


Estrada Villacastín-Vigo, km 352 (Rionegro del Puente)
O nosa primeira mañá das vacacións foi de veraneantes total: erguerse non moi cedo, almorzar e á praia! Como aínda estabamos cansos da viaxe (non estamos afeitos a facer 1200 km en coche dunha tirada, as cousas como son) nin sequera nos molestamos en pensar a onde ir: á praia de San José.

Aínda que tiña ouvido falar do gusto pola xente pola primeira liña de praia, non pensei que a cousa fose para tanto. Nós, discretiños como somos, e pouco afeitos a pelexar por segundo que cousas, espetamos o noso parasol nunha máis que honrosa (ó noso máis ignorante entender) segunda liña de praia, e gardando o que nos pareceu unha educada distancia de seguridade respecto dos que chegaran antes ca nós. Máis debemos ser os únicos, porque nuns minutos, estabamos cercados por unha morea de descoñecidos, e case non atopamos sitio para pasar entre as toallas para chegar a darnos un baño!

Para repoñernos; non nos quedou outra que buscar onde tomar unha cervexiña. Como queriamos ver a pinta do menú de día que ofertaban por dez euros, entramos no Arrecife, onde nos deron a escoller entre diferentes ensaladas de tapa, e optamos por unha de temporada e outra de pasta. As dúas Alhambras, algo máis baratas que o día anterior, 4,40 euros.


Rúa Cala Higuera. San José
Fai unha semana que voltei do Cabo de Gata, e aínda non tivera tempo a poñerme a contar nada da viaxe. Pero é o que teñen as vacacións, que antes de saír hai que deixar todo ao día, e ao voltar fan falla uns días para voltar á normalidade...

Fomos ate aló en coche. Makeijan foi cos amigos ao FIB, e eu quedei con el en Ocaña para despois baixar xuntos ate San José. Despois dunha viaxe tan longa, o único que nos apetecía era darnos unha ducha... e saír a tomar unha cervexa ben fresquiña, a ser posíbel acompañada dun pincho, xa que os meus curmáns que estiveran por alá facía uns anos nos comentaran que nesta zona as tapas (como eles lles chaman) de cortesía son habituais.Despois dun paseo (breve, estabamos cansos) polo pobo, fixemos ilusionados a nosa primeira parada. Pedimos dúas cervexas, e puxéronnos con elas esas patatillas que tan pouco nos gustan. Cousa que nos cabreou sobremaneira toda vez que vimos que a outros clientes si lles poñían tapa. Cruz e raia!

Decepcionados, collemos cara o porto buscando onde cear, pero aínda así fixemos outro intento. Na Taberna del Puerto pedimos dúas cervexas (Alhambra Reserva 1925), e aquí xa nos ofreceron a posibilidade de escoller unhas tapas para acompañalas. Prezo: 5,60 euros. Caro? Pode ser, pero tendo en conta que é un pobo turístico, que esta é unha cervexa de alta gama, e o que pagamos noutros locais, estaba dentro da media.


Puerto Deportivo. San José
Das tapas que, como xurado, tiven a oportunidade de probar no concurso que ven de celebrarse en Santiago de Compostela en días pasados, esta foi a miña favorita. Por sinxela, por enxebre... e por saborosa. Os berberechos con patacas panadeira e cebola do Mesón de Lázaro foron toda unha sorpresa, e aínda que non foi a gañadora absoluta do certame, fíxose co galardón ao mellor maridaxe con cervexa.

Non puiden probar a tapa gañadora: a sardiña de San Xoán con pementos de Padrón do Acio foi, ao entender do xurado, a mellor tapa do concurso. Non tiven a ocasión de catala como xurado; pero como me falaran (e moi ben) dela, un dos días que me acheguei a Santiago a exercer de xurado, unha vez rematada a tarefa que me levou ate alí, fun con outros dous membros do xurado a propósito a probala (baixo a choiva, sen paraugas...), pero non puido ser porque xa rematara a hora de servizo das tapas do concurso. Unha mágoa...

Ao non vivir en Santiago, non puiden comprobar o calado que no público tivo este certame; máis todo parece indicar que foi todo un éxito. E non só pola participación dos hostaleiros da cidade (45 locais e 113 tapas), senón tamén pola acollida da xente (seica se pediron unhas 20.000 tapas nas dúas semanas que durou o concurso), que parece que gozou moito deste evento.

Así que non podo senón felicitar aos organizadores do concurso, aos locais de Santiago por entrar ao xogo, aos clientes (composteláns e non) por prestarse a moverse por toda a cidade a probar tapas novas e non tan novas... e a quen pensou en min como parte do xurado.

Só unha cousiña máis: non me gustaría que, pese ao éxito deste concurso, os locais de Compostela que teñen ese bo costume de agasallar aos seus clientes con pinchos de cortesía se esquezan de facelo. Pinchos de balde e tapas de pago non son incompatíbeis, nen moitísimo menos!
Levo tanto tempo sen contar nada que non sei por onde empezar. Levo tempo querendo falar dun local que abriu fai uns meses, na mesma situación na que antes estaba o Veterum e dalgún xeito herdeiro do mesmo, xa que a nova dirección non trouxo moitos cambios ao local. Segue a ser unha boa opción para tomar un viño de cando en vez acompañado por ese pincho de cortesía do que tanto disfruto.

Que o pincho sexa diferente para cada cliente é, quizais, o máis salientábel de El Deleite. Algo que está moi ben cando vas con alguén de confianza que che deixa probar do seu, pero que pode ser complicado cando con quen estás escolle precisamente ese que che apetecía a ti... Algo bo de arranxar se se pide unha segunda consumición, na que os pinchos serán diferentes.

Non soen faltar as patacas que vedes na foto (pincho para tres), queixo, ensaladilla.... máis o polo con guacamole penso que non o poñen tan a miúdo, e iso que está ben bo!

O prezo da consumición varía segundo o viño que se pida, máis non se sae da media dos locais de Pontevedra. Aínda que a maior ventaxa do local, para min, é que non queda lonxe da nosa casa. Así que sempre é unha boa opción para unha primeira ou última etapa.


Rúa Virxe do Camiño nº28. Pontevedra
Se algúns dos nomes dos bares de Cuntis destacan pola súa tendencia globalizadora (por chamarlle dalgún xeito), hai outros, como O Chiorta, que o que perseguen é que non se perdan as tradicións da zona.

A Anllada, localidade onde se atopa este local, foi e é terra de canteiros; canteiros que desenrolaron unha linguaxe propia practicamente inintelixíbel para quen non fose do gremio, e que neste local lembran na maior parte das pequenas lousas onde tapas e refráns conviven ante o estupor dos descoñecedores deste idioma tan particular.

Curiosamente, este entronque coa tradición convive á perfección cun público de xente bastante nova, e iso que o local, esquecíame comentalo, atópase ás aforas de Cuntis, e non no centro do pobo.

Como esta era a nosa derradeira etapa, despois dunha primeira consumición (coa que nos deron un pinchiño de empanada de bonito que estaba moi boa) acordamos en pedir un par de racións, e ir xa xantados para a casa. Pagamos todo xunto, pero non lembro que fose caro.


Anllada.Cuntis
Facía anos que non entraba no cafetín da Alameda, pero fai uns días, un xantar de traballo levoume ata alí, antes de sentarnos á mesa pedín un viño na barra, e de pincho puxéronme camaróns! Pequeniños, pero camaróns... e eu sen cámara!

Falando co encargado, do que agora non son quen de acordarme do seu nome, explicoume que no Mesón do Cafetín (que está baixando as escaleiras) se poden atopar máis de duascentas cincuenta referencias de viños, e que a maior parte deles se poden tomar por copa. Só abren de luns a xoves á hora de xantar, pero aínda así teñen unha clientela fiel coidada a base de bos viños, e, como non de agasallala de seguido con pinchos de balde.

Con estes antecedentes, non me custou moito convencer a Makeijan para achegarnos ate alí o sábado pasado. Unha rolda de Abadía de Gomariz, e un Prima do que nos tomamos dúas copas cada un saíron por quince euros. Durante todo o tempo que estivemos alí, fóronnos poñendo distintos pinchos (queixo, mexillón con pan de millo, paté de ourizo, polo con patacas...), moitos dos cales quedaron sen fotografar. Non se pode estar a todo!


Rúa Alameda Arquitecto Sesmeros s/n. Pontevedra
Busco axuda nos doces xudeus da Tafona de Herminia cos que acompaño unha cunca de té para tratar de resumir o que foi a xornada do sábado, oficialmente chamada VI Xantanza pero que foi moito máis.

Foron Magago e Sole quen, recollendo a testemuña de César, propuxeron algo completamente diferente para esta ocasión; e como gañas de coñecer cousas novas non nos faltan, entusiastas como somos madrugamos para estar ás dez e cuarto da mañá diante do castelo de Ribadavia, onde ía comezar a nosa pequena ruta por tres conceptos moi distintos de adegas da D.O. Ribeiro. Pero antes, un técnico da Consellería de Medio Rural nos fixo unha pequena introdución sobre da viticultura do Ribeiro (para quen non o saiba, unha das D.O. máis antigas, que agora cumpre o seu 75 aniversario, e onde se poden atopar vestixios de adegas dende fai uns dez séculos).

Coto de Gomariz, Valdavia e Viña Costeira foron magníficos exemplos dos diferentes conceptos de entender o viño. Pero a adega moderna, a de colleiteiro, e a máis grande do Ribeiro teñen unha cousa en común: o entusiasmo e as ganas de facer cousas novas. Recuperación de variedades autóctonas de Coto de Gomariz, o relevo xeracional en Valdavia, ou a sorpresa dun escumoso de dezanove anos de Viña Costeira son só algunhas das cousas a destacar. Todas e cada unha delas foron as mellores anfitrioas posíbeis ao abrir as súas casas para nós.

Cando chegamos ao xantar, en Casal de Armán, tivemos a primeira baixa, cando o Viticólogo dos bagos nos deixou por mor das súas obrigas laborais. Pero para que non morra de envexa direille que nesta ocasión o xantar foi o máis frouxo da xornada, aínda que como nós chegamos unha hora máis tarde da prevista prefiro non ficir moito ao respecto. Uns aperitivos (empanada, croquetas e queixos), costela guisada ou solombo (os dous de porco) a escoller, e unhas sobremesas variadas foron o noso menú.

Moita mellor impresión me deixou a pequena visita posterior á adega, onde nos fixeron partícipes do seu novo proxecto: un viño doce elaborado con mosto conxelado a 25º baixo cero.

Xa de volta en Ribadavia, Gourmet de Provincias, Colineta, e Borralleira e a súa dona que desta volta tamén quixo unirse a nós (espero que me perdoen por non me ter despedido deles...) acabaron nese momento a xornada. Os demais, demos un paseo polo barrio xudeu da vila e, como non podía ser doutro xeito, fixemos una visita á Tafona da Herminia, que eu descoñecía e foi a maior sorpresa do día, a onde voltamos pola mañá para mercar eses doces que preparou despois de erguerse ás catro da madrugada.

Case a esa mesma hora, dabamos por finalizada a gin-sesion coa que rematou a xornada. Sole regalounos un fermoso conto antes de que ela, Makeijan e máis eu foramos apagando unha por unha as lámpadas do fabuloso salón de Viña Meín.

Delokos acompañáranos ate que a excursión coas súas fillas do día seguinte o obrigasen a voltar para a casa; non sen antes, e grazas aos adiantos da técnica, ver primeira crónica da xornada. Isabel foi seguida do seu Pantagruel pouco despois. César e Chus tomaron un gin-tonic máis antes de durmir. E Magago, esgotado, aínda aguantou unha última copa antes de deixar sós aos que nos resistiamos a poñer fin a unha conversa entre amigos.
O pasado fin de semana, e para celebrar o aniversario da miña cuñada Paula, estiven en Ferrol, cidade á que, por iso de visitar á familia, me achego de cando en vez.

Despois dun xantar do que supoño se fará eco Makeijan, unha deliciosa tarde de gin-tonics e risas, decidimos dar un pequeno paseo pola rúa e tomar unha caña. Por iso da choiva e o cansazo acumulado da semana,quedamos no centro; concretamente, en A vaca... de viños; local que supoño dos mesmos donos que un restaurante da mesma rúa de igual nome.

O que máis me chamou a atención non foi que moitos dos clientes do bar parecían coñecerse entre so (que tamén), senón que o camareiro se dirixise a nós en galego... algo un tanto raro nun lugar onde se lle preguntas a depende que xente por unha rúa non sabe contestar ate que metes antes do nome a palabra calle...

O pincho da foto foi para cinco. O prezo dunha caña, por exemplo, 1,50 euros


Rúa Dolores nº54. Ferrol
Media de loncha', media de cachito' y do' media' de pan tosta'o.

Hai dúas curiosidades nestas poucas palabras, escoitadas nunha barra dun bar calquera de Chipiona. A primeira, que a únidade de medida é a media. A segunda, que este é un perfecto acompañamento para o cola-cao ou o café con leite; pois aínda que as medias de pan torrado poden parecer normais para o almorzo, non o son tanto se a manteiga coa que se adereza é colorá ou se fai con aceite. E menos habituais son, eses medios bocadillos de xamón, ben sexa cortado en lonchas ou en taquiños quentados na tixola.

Tamén nos chamou a atención, á hora de tomar un café, a alta proporción de gran torrefactado que utilizan nas misturas, o cal resulta nun caldo moi negro e cun cheiro a queimado pouco apetecíbel. O que unido á altísima temperatura á que sirven o café con leite, fai que un se plantexe que non é unha mala opción deixar a cafeína a un lado por un tempo.

Como podedes supoñer, nesta visita a Chipiona non atopamos ningún pincho de balde; se non fose por algún que outro sitio onde si nos puxeron unhas olivas realmente boas, e polas que de seguro, aquí pagaría ben de cartos por elas, dado o difícil que é facerse con elas fora das súas zonas de orixe.
Pois aproveitando que cambiamos de coche, que temos uns días libres, e uns amigos con casa en Chipiona, decidimos votarnos á estrada e darnos unha volta polo sur.

A verdade é que coñecemos algo da zona, de cando fai uns aniños (seis ou sete) visitamos un pouco por enriba Sanlucar de Barrameda, El Puerto de Santa María e Rota. Aínda que daquela viaxe non recordo que nos bares puxeran pinchos de balde, igual me engano e alguén me da unha sorpresa ó dicirme que tamén nesta parte de Cádiz se poden atopar uns bares xenerosos que premian ós seus clientes cuns petiscos coas consumicións.

Esta viaxe vai a ser moi pequena: estaremos en Chipiona (que é onde quedamos a durmir) só tres días (de xoves a domingo), así que pouco tempo haberá para facer descubertas, así que calquera axuda será benvida.

A ver se hai sorte, e nos vemos de pinchos!
Para celebrar que hoxe Depinchos cumpre dous anos, fomos ate Cerdedo, onde se celebraba a III Festa do Xabarín. Ó chegar, demos unha volta pola feira, onde se podían atopar produtos non só da Terra de Montes, senon tamén doutras zonas. E acabo de lembrar que, contentos que estabamos coas mercas que fixemos, esquecemos visitar a exposición de porco celta e algunha que outra cousa máis.

Como non sabiamos ben onde xantar, por medio de Chus, tiñamos sitio reservado no Mesón Carola (do que supoño falara Makeijan), que leva o seu irmá, así que non puidemos probar o xabarín da festa. Pero antes de xantar, e seguindo o noso costume, fomos ate O Comareiro para tomar o aperitivo, onde xa nos esperaba o noso amigo César, tamén de Cerdedo.

O local estaba ate os topes, case non fomos capaces de achegarnos á barra para pedir e recoller a empanada de xabarín que nos puxeron de pincho; nin para achegarnos á ventá a disfrutar das fermosas vistas que ten cara o río Lérez. Como estabamos no seu feudo, invitou César ós viños.

Foi un bo xeito, como dicía, de celebrar que, así como quen non quere a cousa, xa pasaron dous anos dende que empecei a contarvos algunhas das cousas que me pasan ó redor dos pinchos.

Grazas, unha vez máis, a todos os que visitades Depinchos.


Rúa de Ourense nº12. Cerdedo
Levo toda a vida pasando en coche por diante e preguntándome de onde virá o nome, porque as cousas como son: Chelsea (pronunciado tal como se escribe), non é un nome moi lóxico para un bar de Cuntis. Pero esta é unha das peculiaridades do pobo, a de poñerlle ós locais nomes un tanto desconcertantes...

Demos en dicir (Makeijan e máis eu) que o Chelsea debe ser un dos bares da xuventude da localidade, pois nas dúas veces que estivemos por alí (unha delas, fai xa uns cantos anos) tivemos a sensación de que a clientela era máis nova que noutros sitios. E como tiñamos no recordo que daquela xa ofrecían un pinchiño de balde, non dubidamos en voltar.

Aínda que pareceu facerse un tanto de rogar, non nos enganamos: de pincho, ovo recheo con maionesa e oliva. Nada orixinal nin especialmente elaborado, pero que axuda a que esa cervexiña sente mellor no bandullo, ou non? Desta volta, acordamos en pedir uns cortos de cervexa, a noventa céntimos cada un.


Circunvalación Don Aurelio nº74. Cuntis
Por unha serie de cuestións que agora non veñen ó caso, estou facendo un Curso de Dirección e Xestión de Bodegas que me ocupa os venres pola tarde, sábados pola mañá, e algún que outro mércores dende finais de febreiro e ate o... 5 de xullo!

Aínda que organizado pola CEP, o curso en cuestión ten lugar nun lugar nin máis nin menos que no Pazo de Mugartegui, na sede da D.O. Rías Baixas.

Dende o primeiro día, demos en tomar o café da media tarde ou media mañá todos xuntos (somos quince, e case sempre se nos une o relator de quenda), e facémolo no único bar que hai na praza: O Pino.

A verdade é que non teño ido moito por este lugar, e iso, que en canto empeza o bo tempo, a súa terraza é das máis agradábeis e tranquilas da cidade. Os donos do bar, en idade de xubilarse, queren traspasalo, e non é xa a primeira vez que algún dos compañeiros de curso propón que o collamos entre todos...

Aínda que por razóns totalmente egoístas, espero que ese traspaso non sexa antes do verán, porque nos tratan moi ben. Moitos tomamos café (un euro), pero moitos outros non. Así que ademais dos máis tradicionais churros (ou galletas maría, segundo o día), tamén nos poñen empanada ou tortilla para picar. Algo que persoalmente me gusta, xa que un dos meus vicios (sempre que é posíbel) é o de acompañar o café con leite con pincho salgado, costume este ó que me afixen nos meus tempos de estudante en Salamanca.


Rúa Padre Isla nº10.Pontevedra
O plan para o xoves santo era o seguinte: chegar a Cuntis ó redor da hora de xantar, dar unha volta polo pobo para atopar eses bos pinchos dos que todo o mundo fala, e pasar a tarde nas Termas. Esta última parte non a puidemos cumprir, xa que cando nos achegamos a preguntar como ía a cousa dixéronnos que, se queriamos entrar, era mellor que a iso das tres e media nos puxeramos á cola ate a hora de apertura... as catro! E como xa temos unha idade, e poucas gañas de pelexar coa xente por un chorro de auga medicinal nas costas, decidimos aparcar isto para outro día.

Pero como xa estabamos alí, e non tiñamos previsión algunha para xantar na casa, non renunciamos á primeira parte do plan. Que empezou, case por casualidade, no Bar Suso, local en aparencia pouco interesante e sen ningún cliente a esa hora, pero do que saía un cheiro bastante apetecíbel que nos empuxou a entrar.

Pedimos uns botellíns de cervexa (un euro cada un) e esperamos impacientes botándolle un ollo ó xornal e outro ó canal de viaxes que estaba sintonizado na tele, cando chegou un pincho de zorza recén fritida! Non sei se é costume da casa, ou que nos viron cara de agradecidos, pero aínda estabamos a dar conta dela cando chegou un segundo pincho, esta vez, de polo da casa guisado. Un luxo, vamos...


Rúa Rosalía de Catro nº13. Cuntis
A tarde do luns do Fórum foi, quizais, a menos gastronómica para min. Os organizadores quixeron achegarse ó relación entre as novas tecnoloxías e a gastronomía no que deu en chamarse eFÓRUM.

Foi Manuel Gago o encargado de abrir lume coa sua exposición, que está a disposición de todos os interesados no que alí se falou no seu blog.

Destacar, tan só, que os que falan de gastronomía son unha ínfima parte da blogosfera; e dentro destes, os que se adican ó que se da en chamar "crítica" unha porcentaxa moi insignificábel dentro destes... Algo que ninguén debería esquecer: nin os que ven na existencia dos blogs enogastronómicos un perigo; nin os que se creen o embigo do mundo por ter un...

En calquera caso, foi unha boa oportunidade para poñerlle cara, por fin, a algunha xente máis: O viticólogo dos bagos, Turismo de Pontevedra, ou La cocina de lechuza (cónxuxe incluído) foron algúns cos que coincidín á saída desta charla.

Por certo... que me refiro a eles polos seus blogs porque non son quen de lembrar os seus nomes(cando falo así non son capaz de esquecer os concursos de mises, onde ningunha moza ten nome de persoa senon de provincia). Espero que me saiban disculpar a miña pouca cabeza.
Buscando un sitio para xantar en O Grove, non sei porqué me chamou a atención o cartel que indicaba onde se atopaba este restaurante, díxeno en voz alta, Makeijan lembrou que alguén lle comentara (sen saber se era aquí ou noutra poboación da zona) que era un local moi chulo e que se comía bastante ben, e aló nos fomos...

E a verdade é que deseguida nos demos conta de que iamos ter sorte pois, só con achegarnos á entrada, o cheiro a carne á brasa que nos chegaba era realmente apetecíbel.

De todos os xeitos, como somos moi sacrificados e non podemos deixar a oportunidade de localizar un pincho xeitoso, antes de nada achegámonos á barra para ver se había sorte. Pedimos dúas cañas (ó pagar vimos que nos cobraran un euro cincuenta por cada unha, xusto a metade que en A Toxa), e aínda que xa dixeramos que iamos quedar a xantar, pouco despois apareceron cuns pinchos de polo con salsa que, ademais de ser de balde, estaba moi bo.

Todo un descubrimento, este Almacén do Avó.


Rúa Castelao nº149 interior. O Grove
Un dos agasallos que nos fixeron os Reises, previa intervención dos nosos pais, foi unha fin de semana no hotel Hesperia Isla de La Toja, balneario incluído.

Chegamos a A Toxa xusto á hora do aperitivo, así que mentres pensabamos a onde iamos xantar (aínda que calquera que coñeza a ila sabe que alí non hai moitas opcións, por non dicir ningunha...) tomamos unha cervexa nunha das cafeterías-bares do hotel, La Fuente, que aínda que está no mesmo edificio, ten a entrada dende fora.

Sentámonos na barra, algo que pareceu sorprender ós camareiros, e pedimos un par de cañas (dunha cervexa nacional, dato importante), e puxéronnos unhas améndoas para acompañalas... Nótase que este é un bar de categoría, que senón teríannos posto manises, pensamos co casino ás nosas costas... Pero un pouco despois, e nunha das cazoliñas que vimos ó lado das billas da cervexa cando entramos, puxéronnos tamén unhas patacas bravas (tapadas, eh, para que non enfriaran).

Os ricos tamén toman pinchos!, dixemos non sen certa sorpresa.

Pero a sorpresa de verdade quedou para o final: nunca pagara por dúas cañas de Estrella Galicia os SEIS EUROS que nos cobraron... Caro ate para un sitio que pretende ser tan elitista coma este; sobre todo, se o comparamos cos catro euros que pagamos ó día seguinte no casino por un gin-tonic preparado como mandan os cánones. Isto, a dicir de Makeijan, que eu mentres andaba intentando descubrir os segredos da ruleta...

Pero esa é outra historia, e non ten nada que ver cos pinchos.


Illa de A Toxa s/n. O Grove
Falaba o outro día Borralleira de como en calquera momento se pode inaugurar unha tradición, e lembreime diso o pasado 9 de marzo, cando Makeijan e máis eu fomos a votar.

Dende que nos empadroamos en Pontevedra, tan só houbo dúas eleccións, máis foron suficientes para que xurdira xa a nosa propia tradición electoral: saímos da casa a iso da unha dando un pequenísimo paseo, exercemos o noso dereito como cidadáns, e saímos cara o bar máis próximo ó colexio electoral a tomar o aperitivo e botarlle un ollo ó xornal.

Por sorte para nós (e tamén para outros veciños do barrio, como puidemos comprobar ó coincidir cuns coñecidos) o Azahar está a poucos menos do noso colexio, e poñen un pincho máis que decente. Non sei se os callos son costume os domingos, ou os días de votacións, xa que só estiven neste local en días nos que se daban as dúas variábeis, así que terei que facerlle algunha que outra visita, para comprobalo.

Esquecíame do prezo: clara e botellín de cervexa, dous euros cincuenta.


Rúa Pintor Manuel Colmeiro nº2. Pontevedra