urinario ecolóxico

Acostumado a ver todo tipo de solucións máis ou menos afortunadas nestes lugares que todos os homes frecuentamos, atopo a solución perfecta nun local perto da fronteira checo-alemana. E non me refiro só ao punto de vista estetico senon tamén á efectividade, resultando nun magnífico neutralizador de cheiros. Se temos en conta o baixo custo, e impacto ambiental… vou ter que ir correndo a patentala.

Chuzame! chúzame -

Hoxe levanteime (atención! novidade) pensando que criterio se debe seguir á hora de dicir se un concerto foi bo ou malo. Quizais en función do son? calidade musical? elección de temas? actitude da banda?. A miña opinión agora mesmo (mañá terei outra) é que un concerto é bo se o pasaches ben nel, e definitivamente onte fun a un concertazo.
Nin foi á mellor actuación que vin de Holywater, con novo look naufrago de Rodrigo, e a guitarra de Martín tan baixa que case non se oía, e a The Posies, cun Jon Auer pasado de kilos (pero mellor estar calado, porque coido que iso da idade e o peso é contaxioso) atopeinos un pouco desiguáis, e algo descoordinados por momentos, pero que máis da?

Paseino de medo, con Xosé Manoel, Cesarín e Ángela. Coñecía todas as cancións que se tocaron en case 3 horas de concerto; din chimpos e dancei o que quixen; non esperaba escoitar Coming right alone e sen embargo soou para fechar a primeira parte da actuación dos de Seattle, adicada a rememorar o decimo quinto aniversario da edición de Frosting on the Beater, que agora teño autografiado por Jon e Ken; puiden mercar, por fin, o Tranquility de Holywater, e así desvelar o nome da miña pista preferida, a oito, Last Ulcer,…. qué máis podo pedir?
Como documentación gráfica, á falta das fotos de Cesarinn que chegarán ou non, e pode que algún día ilustren esta entrada, tiro dun dos videos que subiu Refius, pouco despois de rematar a actuación.

Non ven moito a conto, pero como onte me lembrei da actuación do 2001 en La Iguana, subín estás imaxes de dúbidosa calidade que tomei ca miña primeira cámara díxital… e agora a durmila.

Chuzame! chúzame -

Xa comentei na anterior anotación case todo o que tiña que contar sobre o Restaurante El Empalme, polo que a utilidade desta entrada non é máis que amosar máis que nada graficamente, como foi o noso xantar de finais do pasado maio.
A situación estratéxica desta templo culinario, no cruce da N-550 coa N-631 e cunha privilexiada saída da Autovía das Rías Baixas faino un lugar ideal para realizar unha parada no noso tránsito cara á meseta. Por este motivo, durante un tempo, referiámonos a el, coma o restaurante de Mombuey , aínda que efectivamente pertenza a Rionegro del Puente (Zamora),  O maior defecto é o seu nivel de ocupación. Pensar en xantar alí, un día de comezo ou fin de ponte é algo que vai quedar niso. Nun pensamento. Das nosas últimas tentativas fallidas, lembro chamar cunha semana de antelación para recibir un completo por resposta e nalgunha ocasión tamén temos observado in situ, como un lento peregrinar de desexosos comensais, entraban e saían ao minuto por non ter realizada unha reserva previa.
Unha vez sorteado este inconveniente, a miña seguinte suxerencia e esquecer a carta, e deixarse aconsellar. Preguntaranche se hai algo que non comas ou ao que es alérxico, e ata, como lle pasou a moraiminha na nosa primeira visita, pode que insistan de máis se es muller, cousa que lle sentara bastante mal daquela.

Esquecidas estas pequenas anécdotas comezamos ca peculiar degustación:




Comezamos con este guiso de  patacas con senderuelas, e continuamos cun surtido de boletus, dos que lembro vagamente as variedades Reticulatus e Pinicola e Aereus pero non me atrevería a etiquetalos.





Dado o noso interese comezou comezou a traer algúns exemplares do que iamos comendo.



Coido que isto era unha vieira con cantharellus, pero tamén pode que non o fora.





Algo de caza, que posiblemente sexa corzo coma o que tivemos a oportunidade de probar como pincho hai pouco.



A sobremesa ao límite das nosas capacidades, foi millo, laranxa e xeado de boletus, tan fermoso como saboroso.



Acompañado dun zume de guanabana.


Non me paro en detalles, porque xa pasou tempo, pero os pratos todos quedaron baleiros, agás quizais a caza e non por falta de calidade senon de espazo. O rumor dun xeado de cogomelos que viña da mesa que tiñamos á nosa beira, foi suficiente para que nos sacrificáramos deixando un currunchiño para a sobremesa. O prezo con tres copas de viño e auga, non chegou a 40 € por cabeza.

En resume, El Empalme é cociña elaborada de productos da terra, con forte predominio dos cogomelos, misturando uns sabores caseiros con pinceladas da Colombia natal de Gloria.
A súa situación impediu ata agora unha sobremesa tranquila e desfrute máis amplo dos caldos de Toro, aínda que se todo vai ben haberá que proxectar algo para remedialo…

Chuzame! chúzame -


PepeSolla
Leo hoxe no Diario de Pontevedra (edición física, sintoo), que Pepe Solla comezará unha serie de 22 capítulos dunha media hora en Canal Cocina. O título do programa, Tus conservas, semella suficientemente explicativo do contido do mesmo.

É certo que xa colabora nalgún programa de Localia Pontevedra, pero que eu saiba é a primeira vez que protagoniza un espazo televisivo, sendo este, xunto cos libros que xa comentei meses atrás, algúns dos proxectos que comentou a un engaiolado grupo de blogastrónomos, naquela inesquecible sobremesa da II Xantanza.

Chuzame! chúzame -

A primeira vez que fomos a El Empalme, xa hai uns anos, recomendados por Isabel e Marcos, case non entramos. O aspecto exterior é o dun galpón destartalado, sen ningunha indicación exterior. Na entrada unha imaxe pouco alentadora do típico bar de estrada, onde parar a tomar un café e saír fuxindo.
A realidade é que agachado baixo todos estes supostos impedimentos está unha das xoias da cociña de cogomelos. Rexido por Gloria Lucía e Elías Martín a cociña de El Empalme abraia con sabores e cariño.
Agardo en breve subir as fotos do noso último xantar, mais deixo namentres, os agasallos, porque non teñen outro nome, que nos ofreceu no noso recente paso.

Entramos sobre as once de camiño a Barajas, cando xa hai gañas de tomar un pinchiño e tiramos de barra. Algo tradicional. Pincho de Cueros y Chorizo. Saudamos e comemos, pero nun paso por fora da barra lembrouse da nosa anterior visita (aínda sen publicar), e Gloria díxome:

Ya me acuerdo de tí, greñitas

E tróuxonos este pincho:


Nas nosas visitas entramos nun xogo de adiviña que estás a comer, porque alí, no campo de xogo no que está un só co prato en fronte, sen información e sen prexuizos, atopas que aínda sabes menos do que pensas, e que os teus sentidos do gusto e o olfato teñen moito que entrenar.

Desta volta, adiviñei a pasta de olivas que levaba de base, e pouco máis. Retounos a probar unhas escamiñas verdes presentes no prato. Aí xa patinei dicindo que era algo picante, aínda que cando nos dixo que era un cítrico xa me lembraba máis a esa frescura do picapica da infancia, finalmente resultou ser mans de buda, que nos trouxo nun bote presentado como escamas deshidratadas no que me pareceu sal maldon, para min converteuse en Pincho de foie con pasta de olivas e escamas de mans de Buda, pero vense máis ingredentes que xa se me escaparon de aquela.

Tras un rato de charla trouxonos un libro de fotografías do camiño de santiago, que segundo nos comentou, fixera unha amiga francesa xuntando todas as imaxes da Catedral de Santiago que tirara en varias peregrinacións. Ilustrado cada detalle do Pórtico da Gloria nas súas páxinas, a sorpresa chegou cando nos dixo os cartos que lle pediran a Igrexa por publicar o libro. Non quero entrar en política aquí, pero xa sabedes o que penso deste tema.

Continuamos camiño, pero casualmente todos pensabamos en realizar a mesma parada no noso regreso. Foi así, como repetimos os mesmos pasos, só que desta vez xa nos apareceu este exemplar de Boletus (rebautizado como Boletus Amareto, e usado para facer sobremesas). Segundo Gloria non poderiamos tomar en ningures, porque era unha variedade que oxidaba rápidamente voltando a carne azul e era desbotado. O reto que perdemos novamente, descubriunos un sabor a améndoa amarga nun cogomelo, que con salsa de café non podedes imaxinar como nos soubo.



Isto lembrounos que queriamos mercar o seu recetario, Restaurante El Empalme, las setas y sus recetas aproveitando que pasabamos por alí, para levalo asinado, pero seica estaba esgotado dende xuño.

Xa case recollendo, saiu cun anaco de corzo con salsa de ameixas e papaia dicíndonos:

Las sobras de la cena

Comecei a cortalo, pensando que moraiminha estaba a sacarlle unha foto, de aí a presentación pero non se me ocorre mellor sabor para abrir a tempada de caza.

Agora que andamos a voltas cas votacións da vindeira xantanza, xa sabedes cal vai ser un dos meus favoritos.

Chuzame! chúzame -

Levaba xa un tempo desaparecido por varios motivos. O traballo, como non, inmerso en máquinas virtuais que espero me dean algún respiro un día destes, e nunha nova afección, o buceo. Con todo isto adiqueille un tempo a traducir (só a metade, porque xa había traballo de versións anteriores realizada por xabre) a nova versión de 23hq que leva máis un par de  meses como oficial, pero non tiven tempo de facerlle un anuncio en concidicións.
O certo é que a traducción nunca está rematada. É máis ben unha especia de beta permanente porque continuamente se están a cambiar cousas, iso sen esquecer que traducir con esa interface web cerca dun milleiro de cadeas é garantía dun cento de erros, que arranxarei se me notificades os que atopedes aquí mesmo, por exemplo.
23 logoO motivo da publicación desta entrada é que hai pouco recibín unha mensaxe de Maria do equipo de 23 pedíndome unhas verbas para engadir á páxina. Así aproveito para escribilas, mandarllas e todo liquidado.

What I love about 23 is how easy you can upload your photos, directly from 23 website, via e-mail, using Fotofox extension for Firefox, clicking on the 23 upload button for Picasa…

makeijan, Pontevedra, Galiza

Que máis ou menos en galego é:

O que máis me gusta de 23 é a facilidade ca que podes subir fotos, directamente da web de 23, por correo electrónico, usando a extensión Fotofox de Firefox, premendo no botón 23 de Picasa…

makeijan, Pontevedra, Galiza

Podes ver as miñas fotos na flamante conta PLUS de 23 aquí.

Chuzame! chúzame -

Mentres Gwyneth Paltrow andaba a presentar a súa aventura gastronómica en New York, fomos a Praha a ver ao seu home e os colegas (Coldplay), con tan boa sorte que cadrou co casamento de Óscar e Saša en Neznasovy. Mais esta historia que deberá ir noutra entrada (ou iso espero).



O O2 Arena, antigo Sazka Arena, é, aínda que na imaxe non se aprecie ben, un multiusos espectacular onde habitualmente xoga o HC Slavia ao Hoquei sobre xeo, e que pendurou o sold out, para a primeira visita desta banda á República Checa. Un gran escenario con dúas pasarelas nos extremos, unha descomunal pantalla na que se proxectaron distintas imaxes, xunto con 5 bolas que amosaban imaxes e video coma se dun cine esférico se tratase, uns canons laser, e distintos tramos con luces que penduradas da cúpula subían e baixaban completaron a posta en escea.

Tras Albert Hammond Jr. (guitarrista de The Strokes) e unha interminable espera na que o público se entretivo ca ola, apareceron no escenario e Chris Martin, abriu o espectáculo cunhas verbas en checo que por suposto non entendín, e continuaron co seguinte setlist extraido de mycoldplay.com:

Life In Technicolor
Violet Hill
Clocks
In My Place
Speed Of Sound
Cemeteries Of London
Chinese Sleep Chant
42
Fix You
Strawberry Swing
God Put A Smile Upon Your Face (techno version)
Talk (partial - techno version)
The Hardest Part (piano - Chris)
Postcards From Far Away (piano instrumental)
Viva La Vida
Lost!
The Scientist (acoustic)
Death Will Never Conquer (acoustic - Will singing)
Viva La Vida (remix interlude)
——
Politik
Lovers In Japan

(Por aquí tocaron Fix you de novo)
Death And All His Friends
——-
Yellow
The Escapist

Un dous meus temas preferidos (God Put A Smile Upon Your Face) foi literalmente destrozada nunha versión supostamente techno, cos 4 compoñentes nun escenario rodeado de xente ao estilo U2, e tirando de batería programada pero moi cativa e un, cando menos desafortunado, efecto na guitarra elexido por Jonny Buckland.

Despois de Lost!, os catros compoñentes da banda comezaron a correr por un carreiro entre a pista e as gradas (lémbrade os campos de hoquei das películas). Precedidos dun enorme individuo, pensei que ían dar unha volta a toda a pista, para aumentar a excitación do público, a nosa sorpresa veu cando suben pola noite escaleira e xusto á nosa altura se meten no espazo reservado aos minusválidos, onde nun pequeno escenario portátil sucedeu isto.

Vese que hai a quen lle tocou máis perto deles, mais afortunadamente non fomos nos, porque xa estaría divorciado ;-).

A continuación tocaron Death Will Never Conquer e fuxiron pasando novamente a poucos metros, rodeados dunha escolta de gardas de seguridade, que non os abandoaron en ningún momento.

Non foi esta a única curiosidade da noite. Cando tocaron Fix you, na primeira parte do concerto, seica non quedaron moi contentos con ela, e Chris pediu perdón pola interpretación en canto remataron. A sorpresa veu cando soou novamente no primeiro bis, incluindo algunhas modificacións coma:

It’s our first time in Prague

and we fucked up the song

e algo máis que non puiden entender, pero que fora destas modificacións, resultou nunha impecable reproducción da peza orixinal.

O comezo do segundo bis con Yellow, saltando a introducción acústica, todos xuntos, centrados na batería, cun só impacto sonoro, foi o comezo do fin dunha actuación na que esperaba ver a unhas estrelas do pop e non esperaba moito é que me transmitiu emocións inesperadas, e que formará, inevitablemente, parte das miña selección particular.

Chuzame! chúzame -

Se estás dubidando se ir velos a Vigo hoxe ou A Coruña mañá, espabila. Se non o pasas ben, pago eu a entrada! Fun invitado por Ángela da productora Coconut (como non aprendades a escribir A Coruña imos ter un problema), converténdose na primeira vez que asisto a un concerto de gorra.

Love of Lesbian na Sala Karma de Pontevedra

En tan magno evento aprendín dous axiomas que que acompañarán toda a vida.

De Los Guapos:

Juan Pardo es dios

E de Love of lesbian:

Los que vinieron al concierto gratis…  ¡son unos hijos de puta!

Uns auténticos poetas…Tomando viño tinto (dende a distancia non o puiden identificar) nunhas copas ben xeitosas e rematando cunha conga e xente do público no escenario converteuse nunha auténtica festa.

Ritmo… ritmo de la noche…

Chuzame! chúzame -

Estiven uns días pensando se tiña sentido continuar con isto. Hai tanto que non publico nada!. Arestora acabo de decidir que igual me apetece escribir algo máis cando o tempo me obrigue a quedar máis na casa, e ata recuperar algunha  experiencia pasada.

Para o regreso optei por crear algo. Aproveitando que María Loureiro de tecnoloxia.org tivo o detalle de traducir planetaki.com ao galego (moitas gracias), decidín crear un para experimentar e así aglutinar as mensaxes dos blogastrónomos nun punto na rede.

Benvidos ao Planeta BloGastrónomos Galegos.

O meu proxecto inicial era máis ambicioso pero quedará para outro momento. Paseniño…

Chuzame! chúzame -

Xa hai que non escribo, e non é por falta de temas. 26 entradas a medio escribir. De aquí a un tempo, teño moito traballo mais pouco agradecido, dese que só se nota cando falta. Síntome un pouco coma as canalizacións soterradas baixo os nosos pes e que sobrevoamos todos os días inconscientemente, alleos á súa presenza. Traennos a auga potable, electricidade, gas, comunicacións e levan as nosas augas fecais e pluviais. Ninguén se lembra delas ata que por algún motivo se corta o fluxo que circula por elas, e cae o mundo sobre as nosas cabezas.

Ante este estado de ánimo estoume a refuxiar na lectura (si, qué pasa? ;-)), e nunha nova aventura.

Este curso permitiume ata hoxe baixar a algo menos de 15 metros onde puiden ter nas miñas máns un polbiño e pasar a beiriña dun choco, unhas luras, algas (Marcelo estaría na súa salsa alí embaixo) e unha chea doutros seres acuáticos sen identificar, en parte por falta de coñecementos e pola miña acusada miopía.
Mañá espero baixar cos lentes de contacto, e ver algo máis parecido á este video que fixeron o día da miña primeira inmersión. Cara o minuto catro e pico hai tres tipos axeonllados no fondo, pois o máis da esquerda son eu ;-).

Mentres teña gañas irei marcando inmersións neste mapiña, que dende que integrou a vista do google earth voltei a tagzania...
tagzaniapaste
Inmersion tagged map by user - Tagzania

Chuzame! chuzame -

Aceite de Oliva Laguardia Rioja ÁlavaNon, o meu dominio do euskera non é tan bo, mais calquera pode copiar o texto dunha botella.

Para a viaxe a La Rioja do pasado outono, pedín consello a Jesús de La Guarda de Navarra sobre viños, adegas e lugares a visitar. Foi imposible visitalo todo, e non sei se darei escrito algo máis daquela viaxe, aínda que lle agradezo novamente toda a atención prestada.

Unha das inevitables visitas foi a Laguardia, onde tras deixar un pequeno agasallo en Alimentación Lorente, que foi agradecido cunhas fantásticas guindillas (das que aínda conservo algunha en aceite de oliva), visitamos Entre viñas y olivos, unha magnífico exemplo de como son as casas e as súas adegas tradicionáis, e onde poderás facerte unha idea de que durante boa parte dos teus paseos pola vila, estarás a voar sobre viño, dado que estas excavacións invaden as rúas e mesmo as casas dos veciños! Tras a visita podes pasar pola tenda, que con ese nome, non precisa de máis explicación.

Foi neste peculiar establecemento, onde adquirimos unha botella dun descoñecido aceite alavés, A.D.O.R.A. Elaborado a partires da variedade Arroniz, que parece estar presente en Navarra e Euskadi principalmente, é un deses zumes de oliva que apetece degustar acompañados dun bo pan.

Hai uns días que me puxen en contacto con eles, para ver como me podo facer con esta pequena xoia, e segú me comentaban a súa producción é tan pequena que non distribuen máis que nos seu contorno. A boa nova é que están a traballar nunha tenda online. Mentres, agardo impaciente a súa aparición...

Chuzame! chuzame -

Onte (en realidade hoxe porque aínda non me deitei), fomos cear coa familia ao Allo e Aceite, o restaurante de Pablo en Marín. Como xa falei unha chea de veces del só vou colgar o video que fixen coas fotiños do Menú Allo, do que só teño que dicir que para a noite ben me chegaba o Menú Aceite (sen carne, presa de ibérico con lombarda e mostarda).

De todos xeitos o propio Pablo, que se decidiu a sair da cociña e tomar o timón da sala, pode dar fe de que este lambón deixou ben pouco atrás.

O video en Animoto ou ben en Youtube para os lacazáns...

E agora a tomar un e churrasquiño e despois a unha creperie... ;-)

Chuzame! chuzame -

Da man de Manoel Foucellas descubro este estimulador de fotos. Animoto da vida ás estáticas imaxes dos nosos álbumes sincronizándoas coa música elexida.

As marabillas non son de balde, e Animoto cobra $3 por video ou $30 por ano, sen límite de usos e aínda que o cambio co dolar nos favorece, non están os tempos para tirar os cartos, por iso recomendo rexistrarse e facer unhas cantas probas con vídeos de 30 segundos que son gratuitos, e deste xeito decidir se paga a pena dar o salto.

Eu levo toda a tarde xogando con el, e aproveitei para facer un coas fotos da última cea en Casa Solla, como agradecemento polo seu comentario, e outro coas de A Gabeira, que non dou atopado tempo para publicalo.

En principio, deberían poder publicarse directamente en wordpress, ao igual que nun bo feixe de lugares na Internet. Como non fun quen de integralo, optei por utilizar a opción de exportación a youtube e inserilos na entrada. Se queredes velos a pantalla completa a calidade é moito mellor a de Animoto por iso deixo as ligazóns, senon botádelle un ollo áos videos.

Afirman que non hai dous videos iguáis, por iso fixen dous coas mesmas imaxes. Xulgade vos mesmos...

Chuzame! chuzame -

Tras unha mañá alongada deica as catro, e non sen pedir mil veces desculpas por chegar a Casal de Armán unha hora depois do previsto para xantar, adicámonos a comentar as experiencias vividas, case coma nunha sobremesa. Fora do programa, visitamos a adega anfitriona, da cal, como non podía ser doutro xeito, xa tiveramos dado boa conta dos seus caldos, aínda que todo hai que dicilo, en menor medida que noutras ocasións por motivos obvios.



En Casal de Armán non podían ser menos e agochan os seus tesouros. Durante o xantar, doume por preguntar se elaboraban Tostado do Ribeiro, mais a resposta do camareiro: Fan algo pero non sei se queda... Lonxe de aplacar a miña curiosidade, estimulouna coma a dun cativo, e cando no medio da visita preguntei novamente polo tostado, contarónnos que o estaban a preparar á moda da casa. Oito anos duraba o proceso e ían polo cuarto... Moito tempo de espera. Afortunadamente, outra peculiar vinificación nos estaba reservada para probar. Conxelación a -25 C, para retirar unha parte da auga e acadar un caldo dourado coma os acios maduros dos que ven. Por non levar un caderno, a información pode ser parcial e ata errada, mais non así as sensacións que lembro... tanto é así que voltarei pasado o verán a ver se é certo que o teñen finalmente listo...
Dirixímonos depois dunha mañá bendecida polo espíritu do mesmo Baco, a cultivarnos pero doutra maneira polas vellas rúas de Ribadavia. As estreitas rúas das súa xudería, guiaron os nosos pasos, axudados dos consellos de delokos, ata a Tafona de Herminia. Unha panadeira que por unha casualidade do destino comezou a cocer doces kosher baseandose en antigas receitas, e alí leva un par de décadas, acumulando lembranzas e anécdotas que non dubida en partillar con quen queira escoitalas.

Os seus son unha explosión de sensacións na boca, sementes de papoula, e fariñas de froitos secos forman parte de moitas das receitas, que sorprenderán polo ausencia das habituáis triga e milla.


A tarde caeu e a xenebra Citadelle e a súa tónica compañeira, Fever Tree, tomaron o control da situación, como non, noutra adega: Viña Meín, lugar que acolleu os nosos cansos ósos, e que se converteu no Falcon Crest particular do grupo de irreductibles blogastrónomos que amenceron no Ribeiro.

Só lembro que este ano xa fixen o tratamento preventido contra a malaria ... ;-)

Chuzame! chuzame -

Nin máis, nin menos co Ribeiro, foi o escenario que soportou as novas aventuras dos blogastrónomos, mais a nosa conquista de Ourense non foi o único cambio desta nova reunión. Moitas novidades naVI Xantanza, que por méritos propios se converteu na I Bebenza. Visitas a adegas, paseos culturales, Gin-Session, e novos blogastrónomos invitados foron algunhas delas. Co que xa se leva escrito queda pouco que contar, polo que resumirei as miñas experiencias na medida do posible...

Xatagzaniapaste
VIXantanza tagged map by user - Tagzania

Como se pode apreciar no mapa, non paramos en todo o día, cousa que xa presaxiaba o detallado programa publicado por magago uns días antes. Collemos un microbus, que encolleu fronte as contundentes dimensións dos blogastrónomos, fronte ao Castelo de Ribadavia, e acompañados por un guía da Consellería de Medio Rural, comezamos a exploración de pistas entre viñedos, salteadas de explicacións sobre a D.O. Ribeiro.



A seguinte parada foi en Barro (Leiro), na Adega Coto de Gomariz, onde dous extraterrestres se adican a revolucionar os caldos da comarca. Tras o rally por pistas embarradas visitando varios viñedos, cada un coas súas peculiaridades, e a non menos importante achega de información histórica que salpicou o tour (sabiades que hai documentos do século X onde se fala de vendas de viño do Ribeiro?), visitamos as instalacións, paso previo a xa esperada degustación. Agradezo a xentileza do enólogo (que me perdoe por esquecer o seu nome) permitíndonos sentir os 40 meses en barrica que pasou o seu novo VX aniversario, que aínda con nome provisorio, xa apunta a viño de coleccionista. Aínda non saio da miña sorpresa por falar dun viño galego con tan longa crianza, e desexo ver o día no que deixe de ser nova, e se convirta nunha práctica máis.



Cun retraso considerable sobre a axenda prevista, pasamos dunha adega co último en tecnoloxía vinificadora a unha de autor. En Cuñas (Leiro), visitamos Adegas Valdavia (gracias Alberto por correxir a ubicación en tagzania), un xeitosísimo exemplo de como tamén se pode seguir facendo un viño pegado á terra. Gustoume atopar a alguén que defendera que o viño feito con calma, non so resiste senon que gaña coa súa crianza en botella. Así foi como saimos con caixas de Valdavia 2006, mentres deixamos que o 2007 siga a facerse...

Espumoso do ribeiro con dúas décadas ao lombo. Foto de Cesar Carril.

En tempo de desconto, con Sole facendo de cuarto árbitro, aparecemos na Cooperativa. Bodega Vitinícola del Ribeiro e ese xigante que engloba boa parte da producción da D.O., e aínda que xa coñecíamos dende hai un tempo iniciativas que fructificaron en magníficos productos coma o seu licor café Lúa, ou o Tostado de Costeira, da a impresión de que a capacidade de sorprendernos non ten fin. Dende as notas de Xaponés na presentación (Youkuzo, Argimiro!) ata a irrepetible experiencia de probar un espumosos do Ribeiro con 19 anos de crianza, da cal podedes ver unha imaxe do fotografo oficial dos Blogastrónomos, Cesar Carril. De verdade, un momento para lembrar.
Fago aquí unha parada, non sen ligar coma sempre, cos mellores comentaristas de xantanzas. Comezando por unhas inevitables primeiras impresións do Gourmet de Provincias ; os primeiros comentarios dos BGG invitados Viticólogo dos Bagos que tivo que por desgracia debeu marchar precipitadamente, e Delokos que apurou o día ata o fin; Magago cunha prolificidade apabullante; Foucellas que nos lembra a anecdota eno-geek; a capacidade de síntesis de moraiminha; máis impresións da man de Sole; e Borralleira que nos descubriu todo o que escribe nesa misteriosa libreta negra...

Chuzame! chuzame -

O título é suficientemente descriptivo, penso, pero para os despistados deixo un avisiño. Está completamente fora desta entrada a configuración dun servidor por dous motivos:

  1. Xa o teño configurado na IPBrick.
  2. Non sabería nin como empezar ;-).

Antecedentes

Cando me presentaron a posibilidade de que a IPBrick utilizara OpenVPN como sustituto da antiga PPTP, pareceume unha fantástica idea, e en canto tiven algún tempo púxenme a fedellar con ela. Pronto petei co primeiro problema, a versión oficial do cliente OpenVPN v.2.0.9 obrigaba a que o usuario que o executara pertencera ao grupo Administradores, ou seguir estes consellos que non facían moi práctica a implantación, cousa que me obrigou a buscar solucións parciais, coma o uso de sudowin, para executar o cliente, que afortunadamente non foron necesarias, porque a fináis de xaneiro saiu a beta 2.1 rc7, e doume por probala. Usar en producción unha beta non é un bo costume, pero a necesidade obrigou e a deusa fortuna estivo do meu lado.

Entre as súas melloras da versión 2.1 están:

  • Soporte de Windows Vista (que pode ser interesante para alguén)
  • Integrado OpenVPN GUI co que cunha soa instalación queda listo o equipo para o cliente
  • O máis importante para min, que xa o podían usar usuarios básicos.

A cousa é bastante bonita de entrada, mais hai que ter en conta uns pasiños para que funcione correctamente, sendo este o fin desta entrada.

Instalación cliente OpenVPN

  1. Baixamos o executable da versión 2.1.
  2. Instalamos o cliente na máquina desexada (cun usuario con privilexios).
  3. Engadimos o(s) usuario(s) que poida(n) conectarse dende esa máquina, ao grupo Operadores de configuración de red (Network Configuration Operators).
  4. Como mínimo damos permisos modificar e escribir (se non queremos complicarnos a vida control total) aos seguintes cartafoles:
    • %programfiles%\OpenVPN\log - Neste camiño gardase o log de conexión.
    • %programfiles%\OpenVPN\config - Nesta pasta gardanse os certificados. É recomendable que o usuario aprenda a sustituilos, cando caduquen ou sexan revogados.
  5. Para facilitar a xestión, pasar os atallos creados no perfil do administrador, ao Menú de inicio de All Users ou ben ao dos usuarios que o van utilizar.

Como de costume, agardo que alguén lle saque proveito.

Chuzame! chuzame -

Lamentabelmente, non todos os blogueiros son trigo limpo... Hoxe mesmo escoitei de primeira man unha desas historias que xa teño lido, e ás que me resultaba difícil dar creto; non por desconfianza nas fontes, senon por pudor.

Nun restaurante onde xantamos este mediodía, preguntáronnos polo noso anómalo comportamento ao ver que faciamos fotos dos pratos. Cando lle falamos ao propietario da nosa afección, non nos puxo moi boa cara e seguidamente escoitamos abraiados a súa primeira experiencia cun suposto compañeiro impresentábel.

Seica non hai moito, alguén se presentou nese local, e nada máis entrar se dirixiu ao noso anfitrión cunhas verbas do estilo: A ver como nos trata, que teño un blog algo, e se falo mal do seu restaurante, non vai vir ninguén de Galicia". A resposta do hostaleiro foi aproximadamente: Eu tento tratar ben a todo o mundo que entra por esa porta. As amenazas parece que seguiron ata que se fartou de aturar ao noso misterioso aproveitado cunha frase do estilo ou é que pretende que o invite ao xantar?

Por unha banda, podo asegurar que descubrir que nos falaban dun blogger noi foi algo inmediato. Nós dixemos que tiñamos un blog, e como se falaramos de Alfa Centauri! Tivemos que explicar un pouco de qué ía a cousa, ate que se deu conta de que eramos da mesma especie que aquel individuo, cousa que nun principio non lle agradou moito, aínda que penso que ao final mudou a súa opinión inicial. Sospeitar que podía ser galego, case nos doeu máis.

Fose de onde fose, xente así é a que da mala fama aos blogs gastronómicos, e fai que críticos e cociñeiros sintan animadversión cara a nós.

Nin me dou por aludida cando leo ou escoito segundo que críticas (aínda que recoñezo que doen, polo descoñecemento do que agroman), nin quero que me identifiquen con personaxes deste tipo. É este un dos motivos polo que asinei o código cociña.

Chuzame! chuzame -

Esta maña recibín un correo de Belén que me avisaba desta nova. Non era tal, posto que dende que anunciaron a colección, moraiminha decidiu que lle iamos levar o libro a Pepe Solla para que no lo asinara.
Pepe Solla en El Pais
Hoxe saiu o primeiro libro e o vindeiro martes a súa parella, baixo a colección cocina con firma, acompañando ao xornal El Pais. Na primeira pasada agradoume ver a sinxeleza das receitas (sirva de mostra a primeira: Berberechos ao natural, que son os que nos puxo de aperitivo na segunda xantanza.), en contraposición a outras da mesma serie, con ingredentes extraterrestres, e preparación excesivamente complexas.

Hai que ser obxectivo, e tamén direi algo que non me agradou tanto. Usando xoubas, grelos e feira... porque Fabes con Almejas?. Recomendo a lectura deste artigo de D. Miguel en Colineta que se explica mellor ca min.

Agora revisareino con calma, e agardarei á semana que ven para facer a parella e cando cadre ir visitalo, para que nolos asine... e de paso cuidarnos un pouco.

Chuzame! chuzame -

Dende o Fórum Gastronómico do pasado febreiro, tiña moitas ganas de aproveitar unha visita a Ferrol para xantar en A Gabeira, pois no Circo do Grupo Nove que alí representaron, Miguel Ángel Campos presentou uns bombóns de pataca que me teñen do máis intrigada dende entón.

Así que cando fai uns días, estivemos en Ferrol e fomos ao restaurante de Miguel Ángel, esperei ansiosa a chegada das sobremesas para pedir, sen pensar en nada máis, os bombóns en cuestión. Cal non foi a miña decepción cando o camareiro (con certa carta de susto) dixo que non, que non había tal cousa na carta, e que igual xa os retiraran... ou estaban pensando en introducilos na carta. Cando voltou co que acabamos pedindo preguntou, todo intrigado, se os bombóns os tomara alí noutra ocasión, así que lle contei como os coñecera... e que fora ate alí case só para probalos.



Aínda que o xantar estivo realmente ben e probamos unhas boas sobremesas, como esta finísima caña de azucre caramelizado da imaxe, non puiden evitar saír dalí un tanto decepcionada, pois xa me creara moitas expectativas... Pero igual foi culpa miña,  esquecendo que foi nun circo onde o cociñeiro amosou os seus bombóns, e xa se sabe... o circo é ilusión!.

De calquera xeito, espero que, finalmente, Miguel Ángel decida incluir por fin os bombóns na carta, e que alguén me avise cando iso pase para ir probalos.

Chuzame! chuzame -

Hai tempo que tiñamos pendente unha visita a Chipiona e finalmente decidimos baixar esta pasada ponte de maio. Coma os nosos anfitrións non eran nativos, postos a procurar un lugar para darnos unha homenaxe non nos servían de referencia. Foi así, como moraiminha pediu axuda e Gourmet de Provincias acudiu, como é habitual en el, ao rescate. Deste xeito soubemos de Ángel León, e o seu Restaurante Aponiente na Ribera del Marisco de El Puerto de Santa María.

As angostas rúas desa zona son casi todas de sentido único, e unha vez o GPS nos mareou un pouco paseando dun lado a outro, optamos por aparcar onde atopamos sitio, e confiar nos nativos para achegarnos ao noso obxectivo. A primeira persoa que atopamos, coñecía o local, e acompañounos un anaco de camiño, comentándonos que coñecía o restaurante, que si era un novo proxecto de Ángel León... Polo acento xuraría que era anglofalante. Gracias a el, chegamos a bo porto.

O local estaba casi cheo. É pequeno (unhas 10 mesas), en tonos crema, branco e negro, con detalles mariños nos elementos decorativos. É de fumadores (polo que lin aquí pronto cambiará) pero cunha boa renovación de aire.

O primeiro que nos ofreceron foi tomar algo mentres decidiamos. Estando en Cádiz non podiamos evitar a proba dun manzanilla (San León) e un fino (Fino Pavón) que aínda sen ser caldos que nos entusiasmen, eliximos para o aperitivo; por iso de intentar seguir os costumes da zona, e, por suposto, de experimentar sensacións non habituais para nós.

Esa (probar cousas novas) foi unha das razóns que nos levou (a outra é a de non ter que decidir...) ao menú degustación dende antes de sentarnos á mesa.

De aperitivo, tomamos pez mantequilla con manteca colorá. O seu nome defineo perfectamente: cremoso en extremo, desfacíase literalmente na boca. Contáronnos que lle chamaban tamén pez tomasa por unha xitana moi coñecida por aqueles lares, que era moi negra, coma a pel do peixe.

Seguimos cun salmorejo con acedía rellena de jamón ibérico. Sen dúbida (aínda que no noso caso non é difícil, pois non é este un prato co que nos atopamos cada día) é o mellor salmorejo que temos probado; e o mérito tense que deber a que, según nos comentou o camareiro, Ángel León o prepara coas verduras asadas e non crúas, o que lle da outra textura. Unha fabulosa recreación de dous clásicos da cociña desta zona.


A continación, regañá con guiso de tomate y sardina al punto de cocción. Prato fresco e sabroso, aínda que dalgún xeito a presenza deste peixe e o tomate nos fixo lembrar tamén, á nosa cociña máis tradicional (quen non lembra eses guisos de xoubas do verán?). Segundo nos informaron, ademáis do tomate tamén leva as tripas da xouba, algo que para algunha xente pode resultar desagradable, pero que clarisimamente actuou como potenciador do sabor. O punto era como podedes imaxinar pola foto, un golpiño de calor...

Sen dúbida: o ravioli de morcilla con puré de manzana verde foi unha das estrelas do día. Aínda que relacionamos o sur con produtos do mar, o certo que esta é tamén unha terra onde o porco ten unha grande importancia, e este é bo exemplo.


Despois, seguimos cun choco a la plancha con butifarra, tinta y alioli. A verdade é que nos resultou un tanto curiosa esta combinación, pero non por iso menos boa. Un prato sinxelo e saboroso a un tempo.

A presentación da Corvina asada en huesos de aceituna chamou poderosamente a nosa atención. Non oiramos nunca falar do tema, e parece que é relativamente recente, por esta nova descubro que é unha iniciativa do propio Ángel León e dun dos seus mestres Andoni Aduriz. Tras sernos presentada na brasa na que estaba a ser cociñada, foinnos servida con guacamole de oliva e salsa de aliño. Outro prato que, consegue anovar ese clásico peixe grellado da praia e o verán.



E para rematar o outro (para nós) prato estrela: borriquete con guiso de rabo de turo y oreja confitada, que nos deixou sen fala. A finura do guiso, a frescura do peixe, e esa triscante ourella confitada foron, sen dúbida de ningún tipo, un final de luxo para este xantar, no que aos pratos salgados se refire, sendo tamén o prato de carne do menú degustación. Provocación? Xenialidade?

Acompañaramos o xantar con Minuet 2003, un Chardonnay do Penedes, curiosamente presentado con rolla de rosca, que nos encantou. A nosa idea era probar un caldo da zona, mais non nolo recomendaron e pensar nun Rías Baixas pareceunos un xesto chauvinista, aínda que unha vez avalidado o menú no seu conxunto considerámolo a mellor opción.

Coa transición ás sobremesas fomos agasallados cunhas copas de Pedro Ximenez; non sei se porque é costume da casa, ou para premiar o noso entusiasmo ante o fabuloso xantar que estabamos a disfutar, e que por suposto transmitiamos continuamente, e aínda máis ca chegada da apoteósica pre-sobremesa: sopa de ponche con helado de azahar y esponja de naranja. Indescriptibelmente bo. Só este intre xustificou a viaxe. Esa laranxa en tres texturas, onde a esponxa nos pareceu toda unha creación, e o sabor do xelado... Crede que estamos ben frustrados por non ter unha imaxe que honre esta creación como se merece.

Xa para rematar, unha homenaxe de Ángel ás clásicas galletas maría. Completamente eclipsado polo anterior, fixosenos algo pesado e empalagoso. Esta deconstrucción foi o menos salientable do menú.

E coa infusión, non podían faltar os Petit fours: leche de ron, nubes de amapola, naranja y bombón de chocolate.


Unha vez rematado o panexírico, hai que comentar os detalles non tan positivos ao comezo e o fin.

Na chegada pasaron pola nosa mesa os 3 camareiros, preguntándonos as cousas repetidamente, o que transmitía unha sensación de desorganización, se ben é certo que se esvaeceu no transcurso do xantar, mais mentras estabamos a rematar as nosas infusións, comezaron a fechar as persianas do comedor, signo inequívoco de que te queren botar, mais o xeito debeu ser máis cortés. Unha simple indicación sería suficiente. Estar de vacacións fixo que non lle dera moita importancia no momento, e que nos lembrara a cando apagan as luces nos locales de copas para expulsar aos rezagados que doutro xeito, non marchan, pero unha semana despois pareceme moito máis grave...

Non quero que estas liñas confundan. Foi unha experiencia gastronómica magnífica, mais nunha futura visita, estaría ben que se correxiran estes comportamentos inapropiados.

O menú degustación do restaurante Aponiente custa 48 euros, que sumado ao auga, pan, viño e IVE, a cousa saíu por 149 euros para dúas persoas. Os nosos recordos deste xantar... non teñen prezo!

Finalizamos este ladrillo cunha curiosidade. Ángel León tiña un blog: El Chef del Mar. Falo en pasado porque máis dun ano sen actualizarse supón a súa defunción, así que mellor visita de o álbum de fotos da nosa visita.

Chuzame! chuzame -