A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) aprobou este venres os novos prezos de referencia dos servizos maioristas de banda larga de Telefónica de España, que reduce notabelmente os prezos que a empresa de telecomunicacións lles cobra aos operadores alternativos. Un dos principais cambios é que Telefónica deberá ofrecer os mesmos prezos nas áreas rurais e nas urbanas, co que, en principio, rematará a discriminación que sufrían os usuarios do chamado ADSL rural.

As tarifas maioristas teranse que aplicar en todo o territorio estatal, o que provocará que os prezos de ADSL rural se reduzan entre o 50 e o 86 por cento. A CMT considera que ofrecer distintos prezos en función do territorio supón un risco de distorsión da competencia no mercado da banda larga.

As baixadas de prezos súmanse ás que a CMT efectuou de xeito cautelar en decembro de 2006 e novembro de 2007. As reducións son máis pronunciadas nas velocidades máis altas, que chegan até o 69% nalgunhas modalidades. Ademais, Telefónica terá que aplicar as reducións ditadas pola Comisiónj en todas as súas modalidades minoristas, mesmo as de 10 e 20 megas.

Por outro lado, a oferta de referencia crea o servizo "Naked ADSL", que lles permitirá aos operadores minoritarios prestar o servizo de acceso indirecto sen que o aboado lle teña que pagar a liña de voz a Telefónica, cunha cota mensual adicional de 9,45 euros.

Vía > Vieiros
Pérez Ares felicítase de que o presidente da Xunta elixise a comarca para disfrutar dunha “agradable xornada de turismo institucional”, pero recórdalle que a obriga dun gobernante é resolver os problemas dos cidadáns
O PPdeG lamenta que o presidente da Xunta, que onte visitou diferentes concellos da comarca do Val Miñor e Baixo Miño, non tivese tempo para achegarse ás familias de Oia afectadas polas enchentes do outono de 2006, que ano e medio despois dos sucesos, seguen agardando que o Executivo autonómico cumpra a súa palabra a repare os danos, tal e como o propio Touriño se comprometera, persoalmente, ante os afectados.
César Pérez Ares, deputado do Grupo Parlamentario Popular, entende que a actitude amosada hoxe polo presidente da Xunta constitúe unha "fuxida dos propios compromisos de Touriño, feito que pon en evidencia que titular do Executivo autonómico carece de palabra e non é de fiar".
Recorda Pérez Ares que o concello de Oia chegou a demandar xudicialmente á Xunta de Galicia para reclamar a materialización dos compromisos adquiridos, tanto coas familias que sufriron notables desperfetos nas súas vivendas, como para a reparación das infraestruturas afectadas polas trombas de auga. A Xunta aparece como responsable subsidiaria dos danos na medida en que as enchentes foron consecuencia dos incendios rexistrados no verán anterior xa que, a pesar das múltiples advertencias das que foi obxecto, non adoptou medida algunha para evitar ou, polo menos, minimizar as perdas producidas.

Problemas e carencias sen resolver
O deputado popular felicítase de que Pérez Touriño elixise a área costeira do sur de Galicia para pasar unha "agradable xornada de turismo institucional", pero recórdalle que, como presidente da Xunta, ten a obriga de resolver os problemas e carencias dos cidadáns. Neste sentido, Pérez Ares recorda a Touriño que as obras da vía de alta capacidade do Baixo Miño continúan sen iniciarse e que parte do trazado dese vial segue sen ser determinado; que os parques empresariais continúan paralizados, despois de case tres anos de bipartito, mentres as empresas foxen a Portugal, onde dispoñen de solo industrial abundante e a prezos económicos; ou que os veciños de concellos como a Guarda e O Rosal reclaman desde hai meses poder acceder á televisión dixital terrestre sen que a Administración sexa capaz de ofrecer unha resposta satisfactoria.

Vía > InfoRosal
Un moi instrutivo video da televisión portuguesa sobre o impacto ambiental das piscifactorías. En portugués, e coa intervención de membros de ADEGA.

1/2


2/2


Vía > GaliciaSuroeste
O Instituto de Estudos Vigueses vén de publicar estes días un novo número do seu boletín “Glaucopis” onde, entre outros traballos, divúlganse as últimas gravuras rupestres descubertas en Oia co título “Novidades nos petroglifos de Oia. Loureza”, da autoría de Cándido Verde Andrés, Antonio de la Peña Santos e Fernando Javier Costas Goberna.
Todos es gravados que se analizan neste traballo, explican os autores, atópanse na parroquia de San Mamede de Loureza, na Valga, máis concretamente no espacio comprendido entre o curro, a estrada a Mabia e o propio núcleo de Mabia.
Entre os motivos rupestres que se describen, figuran ata seis cuadrúpedos, algúns con cornamenta, e unha figura rectangular con divisións internas que os autores non logran aproximar unha interpretación.
Nas proximidades deste petroglifo aparece outra estación na que se representan círculos concéntricos, con cazoleta central e sulco de saída. Estes concéntricos complétanse con outra liñas e cazoletas.
Abundando na figura rectangular antes mencionada, os autores intentan unha aproximación “con reservas ós modelos cantábricos tipo Peña-Tú”.
No Campo do Coello, atópanse outros motivos insculturados sobre as rochas. Neste caso, ademais dun cuadrúpedo, comparten este espazo cazoletas, cuadrangulares de esquinas redondeadas e nalgún caso sen un dos lados menores, e un axedrezado.
A última descrición que se recolle en “Novidades nos petroglifos de Oia. Loureza” corresponde a catro grupos localizados no Alto de Mabia con representación de cuadrúpedos, cazoletas, círculos e sulcos.
O traballo de Costas Goberna, Verde Andrés e de la Peña Santos, remata cos debuxos das novas estacións rupestres que facilitan o recoñecemento das figuras insculturadas e divulgadas no boletín do Instituto de Estudios Vigueses “Glaucopis”.

Vía > GaliciaSuroeste
Houbo que facer algúns cambios no calendario das conferencias que se están celebrando tódolos sábados ás sete da tarde na Casa Cultural de Mougás dende hai xa tres semanas, por motivos da axenda dos colaboradores, con respecto ao inicial xa publicado, quedando como segue:

Sábado 29 de marzo ás 19:00 h

“O parque eolico da Serra da Groba” a cargo de persoal da Asociación S.O.S. Groba.

Sábado 5 de abril ás 19:00 h

“Lei de prevención de incendios e unidades de xestión forestal” a cargo do Sindicato Labrego Galego e da Asociación Forestal FROUMA.

Sábado 12 de abril ás 19:00 h

“Plan acuicola da XUNTA” en especial referencia as prantas de As Mariñas-Mougás e As Orelludas-Pedornes, a cargo de persoal da Asociación para a Defensa Ecoloxica de Galiza (ADEGA)

Sábado 19 de abril ás 19:00 h

“A postura das comunidades de montes ante o programa LEADER 2007-2013”, a cargo de Xose Alfredo Pereira Martinez, presidente da Organización Galega de comunidades de montes.

Sábado 26 de abril ás 19:00 h

“O aproveitamento da biomasa forestal nos montes veciñais en mán común” a cargo de Xose Alfredo Pereira Martinez, presidente da Organización Galega de comunidades de montes e Alfredo Lopez, director do proxecto de aproveitamento da biomasa forestal no Val Miñor.

NOTA: estas charlas poden cambiar de data e hora por motivos de axenda dos conferenciantes.

A Consellaría do Medio Rural destinará este ano arredor de 7 millóns de euros ás actuacións incluídas dentro do Plan Estratéxico de Investimentos no Medio Rural (PEIM 2008) na provincia de Pontevedra. Os cinco concellos do Baixo Miño veranse beneficiados por estes investimentos con diferentes obras.
Trátase fundamentalmente de obras de nova construción e de mellora de infraestruturas viarias, así como de sistemas de abastecemento, captación e saneamento de agua. De acordo coa filosofía xeral deste plan, impulsado pola Consellaría a comezos da lexislatura, o obxectivo é mellorar as condicións do traballo agrogandeiro, así como a calidade de vida e a dotación de servizos básicos nas áreas rurais, co fin de equiparalas a outras entidades de poboación de maior dimensión. Ademais, este plano recollía que todos os concellos de Galiza se beneficiarían destes investimentos públicos, no seu ámbito máis rural, polo que na provincia de Pontevedra están previstas actuacións na totalidade dos seus municipios.
Outra das novidades que supuxo a implantación deste plan foi o método de priorización das obras, a partir das necesidades propostas polos propios concellos, que son os responsables de facerlle chegar á Consellaría as principais demandas de cada municipio. Medio Rural ten en conta estas necesidades e prioriza as que mellor se adaptan aos obxectivos Do PEIM á hora de distribuír o gasto público. Na maioría dos casos, as entidades locais xa lle remitiron á delegación deste departamento en Pontevedra a súa conformidade para a posta a disposición dos terreos, facilitando así o comezo da execución dos traballos neste exercicio, unha vez que se liciten as obras. A estas actuacións sumaránselle outros investimentos en concentracións parcelarias, proxectos singulares ou mellora de camiños que sufragará Medio Rural nos distintos concellos galegos durante este ano.
A continuación, a listaxe das actuacións nos municipios do Baixo Miño:


Concello

ACTUACIÓNS PEIM 2008 – PROVINCIA PONTEVEDRA

GUARDA, A

Mellora das infraestruturas de abastecemento en Outeiro e saneamento en Castiñeira (A Guarda-Pontevedra)

OIA

Mellora da infraestrutura viaria en Santa María de Oia (Oia-Pontevedra)

ROSAL, O

Mellora da infraestrutura de saneamento para completar ramais en Cal (Tabagón) (O Rosal-Pontevedra)

TOMIÑO

Mellora da infraestrutura viaria en Estás, Figueiró e Tomiño (Tomiño-Pontevedra)

TUI

Mellora da infraestrutura viaria no Camiño da Veiga (Paramos) (Tui-Pontevedra)


Vía > InfoRosal
Sábado 15 de marzo ás 19:00 h
“Historia dos montes veciñais en man común” a cargo de Xosé Carlos Morgade, historiador e membro da xunta rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes.
Hoxe ás 20:00 h. no Centro Cultural de Mougás, Oia, o SLG realizará unha explicación detallada do CES a agricultores e gandeiros.
Co gallo da presentación do Contrato de Explotación Sustentábel (CES) pola Consellaría de Medio Rural, e as rectificacións propostas polo Sindicato Labrego Galego, mañá xoves ás 20:00 h. no Centro Cultural de Mougás o SLG realizará unha asamblea informativas para agricultores e gandeiros do concello de Oia.
Nesta xuntanza abordaranse dous puntos fundamentais, que é o Contrato de Explotación Sustentábel e que explotacións agrarias e gandeiras poderán ser beneficiarias do CES, así como a suba dos costes de producción nas explotacións agrarias.

Vía > InfoRosal
A Galescola de Oia contou coa colaboración das familias (que está a ser moi positiva) para traballar o esquema corporal cos máis cativos/as. As nais e pais trouxeron da casa fotos dos/as nenos/as actuais e de cando eran máis cativos/as coa idea de colocalas pola aula e co obxectivo de facilitar o recoñecemento dun mesmo.
Como acompañamento a estas actividades as nenas e nenos disfrutaron de cancións referentes ao esquema corporal ("O xogo chirimbolo", " Xoán pequeno", " Nesta cara redondiña", "As mans", "A cara que teño eu"...)
As crianzas tiveron a oportunidade de mirarse no espello e aprenderon a recoñecer as diferentes partes da súa cara, para posteriormente pasar a traballar o concepto da silueta coa axuda das profesionais da educación da escola.
Como actividade final propúxose a construción entre todos dunha boneca para que sexa a nova compañeira de xogos. A boneca estaba nunha primeira fase incompleta polo que foi levada por turnos por cada un dos nenos/as á súa casa para ir completando, coa axuda das familias, as partes que lle faltaban.
O propósito desta acitividade é dobre, por un lado, implicar ás familias nas actividades educativas das súas crianzas e por outra banda, para que as nenas e nenos da escola lle dean continuidade na casa as actividades no centro.

Vía> InfoRosal
Se as expectativas se cumpren, Galiza converterase no 2012 na sexta potencia mundial eólica do mundo con 6.500 megawatios instalados. A enerxía procedente do vento, xunto á que xeran outras fontes limpas (hidráulica, biomasa, solar, etc) permitirán atender o 95% do consumo de electricidade na comunidade autónoma.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentaron onte a orde que establece os criterios para a concesión de 2.325 novos megavatios de potencia eólica, que se sumarán aos 4.175 xa autorizados na actualidade. O texto publicarase no Diario Oficial de Galiza nos próximos días.
"O noso modelo eólico non vai contra ninguén, vai a favor do país", explicou Quintana, quen insistiu en que a nova normativa para a concesión de parques permitirá cambiar unha situación na que Galiza tiña que pór os recursos sen obter os beneficios correspondentes. "É a primeira vez que se está facendo unha política enerxética de país", engadiu. A potencia eólica a instalar en Galiza ata 2012 mobilizará investimentos por valor de 5.500 millóns de euros (dos que un 75% repercutirán directamente na comunidade autónoma) e dará paso á creación de 3.000 empregos.
O vicepresidente insistiu en que os novos criterios de concesión permitirán a apertura do sector a novos operadores e contribuirán a evitar "a especulación". Un dos puntos conflitivos do decreto eólico aprobado pola Xunta é a introdución da participación pública nas novas concesións o que, segundo Quintana, será un elemento que contribúa a favorecer unha repartición máis xusta da riqueza. "Non se van a manter dereitos adquiridos que ás veces parecen dereitos de pernada", advertiu o vicepresidente.A concesión de novos parques dependerá de seis criterios que permitirán alcanzar unha puntuación máxima de 100. A inclusión de fórmulas de participación pública nos proxectos terá unha valoración máximade 22 puntos, polo que se perfila como unha das claves para acceder a unha licenza para instalar un parque eólico.
A participación de particulares no accionariado das instalacións eólicas sumarán catro puntos e outros tantos valerán as fórmulas que vinculan a produción do parque coa disposición dos terreos por parte dos propietarios.Outro dos criterios fundamentais para obter unha concesión será a viabilidade técnico-económica e o impacto socioeconómico positivo que xeren as novos proxectos. Este apartado contará cunha valoración máxima de 30 puntos e para alcanzala teranse en conta os postos de traballo permanentes a crear, as iniciativas ambientais e de infraestruturas ligadas aos parques, así como os investimentos empresariais ou tecnolóxicas. Os outros aspectos que se terán en canta para puntuar os proxectos son o nivel tecnolóxico das instalacións (15 puntos), a relación entre produción enerxética e afección ambiental (10 puntos), a viabilidade da proposta de interconexión (10 puntos) e a capacidade técnica e financeira dos promotores (5 puntos).
Fernando Blanco sinalou que a participación pública nos parques eólicos non vai supor dificultades para que se instalen os 2.325 megavatios previstos, xa que "máis ben hai un problema de overbooking". Ademais, recórdó que a Xunta xa ten na actualidade participación en empresas eólicas e que a presenza de capital público no sector enerxético é habitual en Europa. Puxo como exemplo os casos de E.ON, Enel e EDF. O conselleiro asegurou non estar preocupado polos recursos contra o decreto eólico persentados por algunhas empresas e descartou que se vaia a negociar con estas para que retiren as súas alegacións. "Este modelo mellora substancialmente ao anterior", concluíu.

Vía > El País
Aínda conmocionado polo asasinato do meu compañeiro demócrata, Isaías Carrasco, quixera denunciar unha vez máis, a actitude duns cantos fascistas que o único que buscan en política é figurar e gañar votos como sexa.
Onte, día en que esa banda de cobardes disparaban a un home desarmado só porque tiña ideas distintas a el, aconteceu algo que me produciu certa satisfacción, Zapatero e Rajoy puxeronse de acordo para finalizar a campaña. Deseguida todolos partidos se uniron a eles, e todos os demócratas aplaudímolo.
Cal sería a miña sorpresa cando ao saír de traballar observo ao alcalde do meu pobo acompañado por un concelleiro e por un afiliado do seu partido, porta por porta, repartindo trípticos e sobres pedindo o voto para un grupo que agora non vén a conto.
Este personaxe , amigo de saír nos medios con declaracións como o "casar maricóns vá en contra dos meus principios" non sei onde meteuse os seus principios, para realizar tamaña falta de consideración.
Por sorte, a maioría de compañeiros do seu partido souberon estar á altura das circunstancias e xunto con todos os demócratas secundaron un loito, que esperamos sexa o último.
D. Alejandro, unha vez máis demostrou que non sabe estar , faga o favor de aplicarse , xa é seu segunda lexislatura e non para de meter a pata ata o cóbado. Para ser alcalde e representar a todo un pobo debería esixirse como mínimo certa educación.
Xabier Garrido Carrera
Pedornes (Oia)

Vía > InfoGauda
Por Soledad Antón:

É o escenario polo que un bo día do 2003 Ana Gandón cambiou a política municipal. En realidade, un inmellorable día a xulgar polo entusiasmo con que conta detalles da súa nova vida. En Budiño de Serraseca, que así se chama a súa casa de labranza, séntese como peixe na auga. Dá a impresión de que non coñecese máis profesións que as de hospedera ou agricultora.

Chámoa porque me contan que o seu predio é unha das contadas de Galiza nas que vive ás súas anchas unha burra, animal case en vías de extinción. «Contáronche ben -di-, pero pronto terei dous porque Cuca está a piques de parir». Engade que resulta unha aliada moi valiosa no predio, e non só porque se merende as herbas, senón polo abono que proporciona.
Noutras circunstancias, cuns resultados electorais aínda quentiños, Ana Gandón estaría explicando o ben paradas que saíran as súas siglas, tal vez a posibilidade de converterse en bisagra, o incremento de votos en tal ou cal distrito... Pois non. Nin unha palabra de política en case unha hora de parola. Do que si falamos é de allos, cebolas, feixóns, chícharos, cenorias, fresas, cabaciñas... «En produtos de horta somos autosuficientes. Temos colleita para todo o ano», presume.
Tamén falamos de como se produciu a metamorfose: «Facía tempo que tiña claro que quería regresar ao campo no que me criei de nena». Explica que cando viron o predio (tras o plural agóchase Xurxo Iglesias), tiveron claro que aquilo era o futuro. Presente desde fai máis de tres anos. Cinco mil metros cadrados á beira do río Broi callados de salgueiros, carballos, castiñeiros... E unha vella construción erguida en 1753 por Benito Álvarez, segundo consta no Catastro de Enseada.
Aínda que durante os máis de dous séculos de existencia coñeceu varias reformas e ampliacións, impoñíase unha rehabilitación integral conservando a estrutura, o forno, a lareira... En definitiva, o espírito dunha casa de labranza tradicional. Foron sobre seguro e encomendaron o traballo aos arquitectos Manuel Portolés, Salvador Fraga e Javier Quijada. O resultado está á vista.
Seguro que agora xa entenden por que practicamente non volveron a ver a Ana Gandón por Vigo. Se normalmente se move pouco do seu particular galiñeiro, estes días menos. Non quere que o inminente parto de Cuca a pílle lonxe. «É a primeira vez que me vexo nunha situación como esta recoñece. Menos mal que Julia, a miña veciña, está habituada a asistir a partos de todo tipo de animais».
Se lles pica a curiosidade, poden facer unha visita virtual aos dominios da nova Ana a través da páxina www.budinho.com. Ata neste apartado foron orixinais. Claro que detrás do traballo agóchase a man do desaparecido Xan Traba. Estaremos atentos ao desenlace. Do parto, digo.

Vía > A Voz de Galicia
Novos achados arqueolóxicos puxeron en dúbida para o colectivo SOS Groba a viabilidade do parque eólico Albariño I. Arqueólogos desta plataforma cidadá que se opón ao proxecto de Eurovento atoparon útiles de pedra de máis de 300.000 anos de antigüidade na zona que se verá afectada polo polígono de aeroxeradores.
As pezas dan conta da existencia de asentamentos de grupos de homínidos durante o Paleolítico Inferior na altiplanicie onde se unen os concellos de Baiona, Oia e Tomiño.
Trátase dunha vintena de materiais entre os que hai bifaces da época Achelense, uns útiles traballados polas dúas caras en forma o améndoa; lascas ou fragmentos cortantes de roca e, para rematar, núcleos que servían para facer as lascas.
Estes primitivos utensilios son de cuarcita, un tipo de roca que non existe na Serra da Groba e que probablemente foi transportada desde as beiras do río Miño, segundo apuntaron onte os especialistas Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez, durante a presentación dos achados , que tivo lugar no Hotel Tres Carabelas.
As investigacións iniciáronse fai dous meses, durante a redacción dun informe sobre o patrimonio cultural da área afectada polo parque eólico, a petición da dirección xeral de Patrimonio da Xunta e da delegación de Cultura de Pontevedra.
Os portavoces de SOS Groba afirman que os materiais atopados son tan só a punta do iceberg, e que se se continúa investigando poderían achegarse novos datos sobre unha das etapas da prehistoria menos estudadas en Galiza.
Con todo, afirman que o xacemento se atopa en risco de destrución pola iniciativa do parque eólico Albariño I, «xa que a construción e remodelación de pistas e demais obras intrínsecas a calquera infraestrutura pon en grave risgo a desaparición a este depósito arqueolóxico de gran valor histórico», afirman.
SOS Groba considera que este xacemento e os 200 puntos de interese que se coñecen na zona afectada polo proxecto deben ser considerados como un argumento para desaconsellar a execución do parque eólico.

Vía > A Voz de Galicia
O proxecto de Eurovento para instalar 21 aeroxeradores nos montes de Baiona, Oia e Tomiño xerou unha enorme polémica no Val Miñor.
Os plenos de todos os concellos da comarca manifestáronse en contra deste proxecto e tamén de numerosos colectivos cidadáns que se agruparon na plataforma SOS A Groba, que mobilizou aos veciños en contra do proxecto. Os portavoces desta entidade puxeron de manifesto que as áreas devastadas polos incendios de fai dous anos coincidan coa superficie na que asentará o parque eólico.
Onte o arqueólogo Xosé Lois Vilar volveuno a repetir e tamén se queixou de que «sospeitosamente» a Xunta non inclúa esta área dentro da ampliación da Red Natura 2000.

Rede Natura
A única zona que formará parte desta zona de protección ambiental é a franxa costeira de Oia, onde non hai previsto ningún aeroxerador, pero quedan excluídos de devandita delimitación lugares de alto valor ecolóxico, como a Fraga de Oliveira, Chan do Cereixo, ou os humidais de Torroña, entre outros, segundo lamentou onte o arqueólogo miñorano.
Quen non se manifestaron en contra foron as comunidades de montes que chegaron a acordos económicos coa empresa Eurovento para ceder os terreos.

Vía > A Voz de Galicia