A primeira vez que fomos a El Empalme, xa hai uns anos, recomendados por Isabel e Marcos, case non entramos. O aspecto exterior é o dun galpón destartalado, sen ningunha indicación exterior. Na entrada unha imaxe pouco alentadora do típico bar de estrada, onde parar a tomar un café e saír fuxindo.
A realidade é que agachado baixo todos estes supostos impedimentos está unha das xoias da cociña de cogomelos. Rexido por Gloria Lucía e Elías Martín a cociña de El Empalme abraia con sabores e cariño.
Agardo en breve subir as fotos do noso último xantar, mais deixo namentres, os agasallos, porque non teñen outro nome, que nos ofreceu no noso recente paso.
Entramos sobre as once de camiño a Barajas, cando xa hai gañas de tomar un pinchiño e tiramos de barra. Algo tradicional. Pincho de Cueros y Chorizo. Saudamos e comemos, pero nun paso por fora da barra lembrouse da nosa anterior visita (aínda sen publicar), e Gloria díxome:
Ya me acuerdo de tí, greñitas
E tróuxonos este pincho:

Nas nosas visitas entramos nun xogo de adiviña que estás a comer, porque alí, no campo de xogo no que está un só co prato en fronte, sen información e sen prexuizos, atopas que aínda sabes menos do que pensas, e que os teus sentidos do gusto e o olfato teñen moito que entrenar.
Desta volta, adiviñei a pasta de olivas que levaba de base, e pouco máis. Retounos a probar unhas escamiñas verdes presentes no prato. Aí xa patinei dicindo que era algo picante, aínda que cando nos dixo que era un cítrico xa me lembraba máis a esa frescura do picapica da infancia, finalmente resultou ser mans de buda, que nos trouxo nun bote presentado como escamas deshidratadas no que me pareceu sal maldon, para min converteuse en Pincho de foie con pasta de olivas e escamas de mans de Buda, pero vense máis ingredentes que xa se me escaparon de aquela.
Tras un rato de charla trouxonos un libro de fotografías do camiño de santiago, que segundo nos comentou, fixera unha amiga francesa xuntando todas as imaxes da Catedral de Santiago que tirara en varias peregrinacións. Ilustrado cada detalle do Pórtico da Gloria nas súas páxinas, a sorpresa chegou cando nos dixo os cartos que lle pediran a Igrexa por publicar o libro. Non quero entrar en política aquí, pero xa sabedes o que penso deste tema.
Continuamos camiño, pero casualmente todos pensabamos en realizar a mesma parada no noso regreso. Foi así, como repetimos os mesmos pasos, só que desta vez xa nos apareceu este exemplar de Boletus (rebautizado como Boletus Amareto, e usado para facer sobremesas). Segundo Gloria non poderiamos tomar en ningures, porque era unha variedade que oxidaba rápidamente voltando a carne azul e era desbotado. O reto que perdemos novamente, descubriunos un sabor a améndoa amarga nun cogomelo, que con salsa de café non podedes imaxinar como nos soubo.

Isto lembrounos que queriamos mercar o seu recetario, Restaurante El Empalme, las setas y sus recetas aproveitando que pasabamos por alí, para levalo asinado, pero seica estaba esgotado dende xuño.
Xa case recollendo, saiu cun anaco de corzo con salsa de ameixas e papaia dicíndonos:
Las sobras de la cena
Comecei a cortalo, pensando que moraiminha estaba a sacarlle unha foto, de aí a presentación pero non se me ocorre mellor sabor para abrir a tempada de caza.

Agora que andamos a voltas cas votacións da vindeira xantanza, xa sabedes cal vai ser un dos meus favoritos.
chúzame -