Có gallo da conmemoración o vindeiro 25 de novembro do dia internacional para a eliminación da violencia de xénero, terán lugar diversos actos no noso concello, de entre eles destaco unha exposición que terá lugar no Casal de Ferreirós.

Casal de Ferreirós en Poio

Baixo o nome de No solo duelen los golpes, este venres dia 21 poderemos ollar esta mostra que foi cedida pola plataforma contra os malos tratos á muller de Málaga (Violencia Cero), tamén o dia 25 terá lugar unha concentración ás portas da casa do concello a partires das 12 do mediodía, na cal posteriormente leerase un manifesto en contra do maltrato ás mulleres.

Supoño que non seremo-los únicos en todo o concello aos que lles acontece isto, tamén os nosos veciños de Pontevedra teñen aturado colectores de cartón cheos ata os topes ao longo de dias, incluso de semanas, ao final todo remata ciscado polo chan senón queimado como ten ocorrido en máis dunha ocasión. É precisamente diso do que vos queria falar, de que un dos dous únicos colectores de cartón e papel que temos para toda a nosa urbanización leva cheo xa uns cantos dias, e de que as bolsas con caixas de pizzas, packs de cervexas e demais comezan a agromar polo chan ao seu redor, có conseguinte perigo para a circulación e tamén para o noso orgullo coma veciños, porque ollar todo iso amoreado no chan non deixa de ser un espectáculo triste e lamentable, senón ollade a foto que saquei no dia de onte.

Supoño que o tema da recollida selectiva será cousa da xente de Cespa, os cales dependen coma non do concello de Poio, pois unha vez máis dámoslle un toque de atención ao señor Agís para que preste atención a estes “pequenos detalles”, a limpeza do noso entorno é algo máis que importante, diria que básico, alomenos para nós os veciños e veciñas desta zona, que coma todo o mundo abonamos relixiosamente o recibo trimestral e temos dereito a queixarnos senón obtemos un servizo acorde có prezo que pagamos.

Dende aqui tamén aproveito para comentarlle a tódolos meus veciños que, os brick’s de leite non van no colector do cartón e papel, senón no amarelo, para envases de metal, plástico e tipo brick (que conteñen aluminio) e que por favor non sexan tan cómodos e baixen o lixo os domingos pola mañá ou mesmo no coche, baixando por dirección prohibida ata chegar aos colectores de lixo, que ten tela o asunto.

Quén sabe, cecais o feito de dispor dun blogue no que denunciar e demandar melloras para a zona de Ferreirós e arredores poida servir para algo, tamén pode ser que estas denuncias cheguen a oidos/ollos do noso concello e por ahí poidamos acadar unha pronta resolución dos nosos problemas, de ser asi entón o noso traballo pagaría a pena certamente.

O feito é que, a finais do pasado mes de novembro, publicaba este artigo no que denunciaba entre outras cousas, o problema que tiñamos os peatóns cun seto propiedade de Urbis, o seto en cuestión invadia a beirarrúa e dificultaba o paso dende hai perto dun ano, a foto fora proporcionada por Luis Hermelo, un veciño da zona que tamén lle notificara isto mesmo ao concello sen resposta nin pola súa parte nin pola da inmobiliaria. Pois ben, hai cousa duns dias que este problema foi por fin resolto, non sei se foi o Concello de Poio ou Urbis os recortaron o susodicho seto (tampouco era unha obra de enxeñeria o que habia que facer) pero si que agora podemos circular con total liberdade por ese treito da beirarrúa, e senón comparade as fotos de hoxe e de hai un ano.

Asi que sexa quén fora o que por fin resolveu este problema, moitas gracias.

Segundo puiden ollar nesta nova que atopei hai un par de dias pero que foi publicada hai máis dun mes, a empresa HTC, a cal semella non existir, posto que foi imposible atopar nada en internet sobre ela, será a encargada da ampliación do parque infantil da nosa urbanización do Pazo de Ferreirós.

Segundo un acordo polo cal o Concello de Poio achegará perto de oito millóns das antigas pesetas, a tenente de alcalde Chelo Besada anunciou que o parque será ampliado en breve, para que asi os cativos da nosa urbanización poidan desfrutar dun espazo de xogo e desfrute do doble de extensión que o actual. Se vos fixades na data de publicación, hai un mes que foi decidido e inda non ollei nada de movemento por alí, agardemos pois que comecen canto antes para que asi os rapaces poidan desfrutar do parque ampliado e mellorado nas vindeiras vacacións de nadal. Polo que a min respecta, so me resta darlle-los parabéns ao concello, a povoación da urbanización medra dia a dia e cada vez son máis rapaces os que xogan naquel parque que xa estaba a ficar pequeno de máis.

Agora agardemos que tamén teñan conta do resto do entorno, bombillas fundidas, bancos sen atornillar ao chán, papeleiras insuficientes…

E algún de vós preguntarédesvos o porqué deste troco de alcume, nick para os máis puristas nisto da internet. Pois ben, nos poucos máis de catro meses de vida deste blogue, xa tiven a oportunidade de comprobar a mala fe e o pouco sentido común dalgunhas persoas, que semellan desfrutar có feito de difamar e proferir ameazas contra un servidor cando algo non lles gusta ou sinxelamente están orfos doutro tipo de argumentos, explícome;

Xa non é a primeira vez que nos comentarios dalgúns artigos da edición dixital do Diario de Pontevedra, algúns dos que alí participan insinuaron que o meu nick correspondia a unha rapaza de Poio (primeiro erro, son un  home) que tiña implicacións na política municipal do concello, para máis inri na dirección de Galiza Nova de Poio, dicindo unha e outra vez que os meus comentarios non tiñan valor ningún e chegando a proferir ameazas do tipo de [..ten cuidado tonucha, no vaya a publicar tu nombre y apellidos para que todos sepan quién eres..] o que persoalmente pareceume algo fora de lugar e que colmou a miña paciencia, polo tanto, despois de cavilalo ben, decidín non perxudicar máis a esta persoa, que ademais é coñecida e amiga do que vos escribe, e troca-lo alcume polo de O ferreiro -en clara alusión ao nome deste blogue- para asi tentar esquece-lo asunto e comezar de novo.

Agardo te-la comprensión de todos e todas vós, repito unha vez máis como xa expliquei no seu dia nesta presentación, que non son político nin estou metido en política, somentes son un veciño da urbanización do Pazo de Ferreirós e có meu compromiso fago unha laboura social ao denuncia-las deficiencias, problemas e tamén virtudes do lugar onde vivo.

Luis Hermelo, un dos asiduos visitantes deste blogue, achegoume estas dúas fotos hai uns dias, nelas podedes olla-lo incivismo que se estila pola nosa zona, o mobiliario urbán semella molestarlle a algunha xente. As dúas fotografias foron tiradas nun dos laterais dos xardins da nosa urbanización de O pazo de Ferreirós, concretamente nas escaleiras que se atopan detrás da fonte que hai no mesmo centro da praza, baixando estas escalerias hai outra zona da praza que linda có chalet que se atopa perto da rotonda da Avenida Antelo e Mariño, pois nese mesmo sitio tivo lugar o que vos estou a relatar e do que aqui tedes dúas fotografias.

Como podedes ollar na instantánea cedida por este veciño, algún/s bárbaros guindaron o banco a un oco existente naquel sitio, ademais e por se fora pouco, tamén se encargaron de desface-lo valado metálico ao longo de varios metros, dano éste de importantes proporcións e que dende aquela segue tal cual, as fotos non sei exactamente cando foron tiradas, pero supoño que non seria hai moito e que inda continuará sen estar amañado. Dende aqui pouco podemos facer, somentes denunciar este feito e reclamar (unha vez máis) das autoridades competentes en parques e xardins que se pasen por alí e arranxen ese desaguisado, tamén conviria algo máis de vixilancia policial nesta zona, non sei, unha patrulla que se pase de cando en vez e lle bote unha ollada ás pandillas que alí se xuntan, cecais teñan algo que ver có tema.

O pasado mes de xullo ollaba esta noticia na Voz de Galicia, nela falaban do tira e afrouxa da Deputación de Pontevedra e a entente Concello de Poio/Xestur, a polémica estaba referida ao tema dos accesos ao futuro polígono que está previsto facer nos terreos de Fragamoreira, que como vos saberedes están situados ao carón do enlace que discorre entre A Seca e a rotonda de Campañó, máis ou menos atoparíase ubicado detrás do almacén do butano senón me trabuco, que tamén pode ser, posto que levo catro anos escasos vivindo en Poio e moitos de vós levaredes toda unha vida aqui.

Os técnicos da Deputación de Pontevedra emitiron un informe desfavorable, posto que a intención do Concello de Poio é a de facer o acceso ao polígono por dúas estradas locais, unha delas bastante estreita e o organismo provincial aboga por facer unha conexión directa coa vía de ¿alta capacidade? (se eles o din) que foi inaugurada hai uns anos. Persoalmente téñolle que da-la razón á Deputación do sr. Louzán (Partido Popular) en detrimento do Concello de Poio e Xestur (B.N.G - PsDG), ¿quén foi o fenómeno a quén se lle ocorreu proxectar os pertinentes accesos a un polígono destas dimensións a traveso dunhas vias locais?, ¿non tiveron en conta que a principal empresa que se vai ubicar alí será o Grupo Froiz, que conta con dúcias de trailers e camións de gran tonelaxe e infinidade de vehículos de reparto que incrementarán o tráfico ostensiblemente?

Por favor, para face-las cousas rápido e a correr non fan falla estudos técnicos nin tremendos proxectos que custan millóns, para face-las ben somentes cómpre ter un pouco de cabeza e de sentido común, e iso é o que agardo fagan as administracións implicadas con este importante proxecto de futuro para Poio. Por certo, hoxe sae publicado no Diario de Pontevedra esta nova na que por fin desbloquéase todo este problema dos accesos ao polígono, agardemos logo que non haxa xa máis problemas no futuro e rematen a obra canto antes, posto que será un importante polo económico que Poio precisa para o desenrolo da economía local.

Son usuario habitual da praza e dos xardins da urbanización onde resido, un lugar que a cotío congrega a multitude de veciños, sobre todo polas tardes, nela fan uso do parque infantil, pasean os cans ou mesmo desfrutan dunha amena charla sinxelamente sentados nun dos seus imnumerables bancos, precisamente é desto último do que vos queria hoxe comentar algo.

Dun tempo a esta parte a povoación xuvenil na nosa urbanización medrou considerablemente, entre eles un nutrido grupo de skaters, que si ben ao principio eran un ou dous, agora son máis de media dúcia deles os que fan filigranas cós seus monopatíns, pero non é o feito de practicar este deporte o que me molesta, senón o feito de que duns meses para esta parte tomaron como norma habitual a de move-los bancos do parque según lles veña en gana, hoxe neste curruncho, mañán naquel porque alí malla o sol que da gusto…etc, non é aos rapaces aos que hai que pedirlles contas, senón ao Concello de Poio como responsable do mantemento deste entorno, un lugar que dia a dia congrega a máis e máis veciños como un dos poucos parques que temos para desfrutar no concello, polo tanto non estaria de máis que atornillaran eses bancos ao chán, porque hoxe son os rapaces e mañá pode que sexan un par de individuos os que veñan cun camión e se leven tres ou catro deles, os cales supoño que baratos non serán, aqui tedes a mostra dun dos bancos en cuestión.

Polo tanto unha vez máis, señor concelleiro de parques e xardins tome nota desta demanda veciñal, hoxe falamos dos bancos, outro dia falaremos da limpeza dos arredores do xardin, porque moito corta-la herba, pero os barrendeiros moito non se prodigan por aqui e papeleiras hai poucas.

De maiúscula se poderia defini-la sorpresa que tiven hai uns dias, cando de volta do traballo e pasando por diante do Casal de Ferreirós, puiden olla-la solución aportada polo Concello de Poio a unha das demandas que fixemos os veciños e que foi publicada neste post hai un tempo. Nela denunciabamos o feito de que un empresario da avenida de Andurique, concretamente o  propietario do concesionario Mara-Poio (Kia) estacionaba os seus vehículos nunha das beiras da PO-308, xusto onde a rúa Viñas remata na estrada xeral, os seus vehículos provocaban unha evidente situación de perigo e iso foi o que precisamente denunciei no seu dia aquí. Ao fin semella que o Concello de Poio escoitou parte das nosas demandas e procedeu ao pintado dunhas franxas amarelas que impiden o aparcamento e estacionamento nese punto en concreto, agardemos que isto estexa enmarcado dentro dunha remodelación total desa zona, a cal inclúa tamén o asfaltado da rúa Viñas e a supresión do bordillo diante da parada do bus, xa que non ten obxecto ningún, posto que o autobús sempre estaciona na estrada para recolle-los viaxeiros.

Dende aqui queremos darlle-los parabéns ao Concello de Poio, por fin comezan a escoitarnos aos veciños da zona de Andurique , o Pazo de Ferreirós e A Barca, agardemos agora que o resto das demandas que fixemos, como os pasos de peóns na rotonda de Andurique, o seto de Urbis que invade a beirrarúa, ou os problemas de estacionamento indiscriminado por parte dalgunha xente sexan tamén atendidos, pero vamos, que por algo se comeza e iso temos que agradecelo.

Supoño que os que sexades veciños deste concello xa os coñeceredes de sobra, a Agrupación folclórica Vides Novas de Poio, que adoitan ensaiar un par de dias á semana perto da nosa urbanización do Casal de Ferreirós vai saca-lo seu primeiro traballo ao mercado en breve, segundo tivo coñecemento este blogue, o disco xa está gravado e agora están inmersos no proceso de producción do mesmo, o cal segundo apuntaron pode que sexa presentado publicamente a tódolos veciños do noso concello no Casal de Ferreirós neste mes de Outubro. Segundo a explicación de Mundo, o responsable da agrupación cultural, o disco terá por título POIO, UNHA VILA MARIÑEIRA e será adicado, coma non, a tódolos mariñeiros e mariñeiras do noso concello e a tódolos veciños en xeral, que dia a dia e có seu traballo fan que a nosa vila camiñe cara adiante cun futuro esperanzador.

O dia da gravación do discosección de gaitas

Polo de agora non teño máis datos sobre o mesmo, cando me informen do dia, hora e lugar dareivos cumprida información sobre todo elo nestas páxinas, polo de agora podedes visita-lo seu blogue se queredes saber algo máis do seu traballo e das súas actividades. Dende aqui queremos agradecerlle-lo feito de estaren ahí e de manter viva a chama do noso folclore, un elemento sobranceiro da nosa cultura.

Para a nosa desgraza, na zona de San Salvador non existe ningún tipo de asociación de veciños que defenda os nosos dereitos, somos xa moitos e cada dia máis, e unha boa maneira de encauza-las nosas demandas ante o Concello de Poio seria organizarse dalgunha maneira, inda que polo de agora semella que a xente non se quere mover demasiado, pero non todos claro, un grupo de veciños da nosa zona envioume un correo electrónico hai uns dias, no mesmo comentábanme que en novembro do ano 2005 presentaran por rexistro unha instancia reclamando o arranxo de diversos problemas que sofren na zona, como a inexistencia de bolardos para impedi-lo aparcamento indiscriminado de vehículos, a reposición dalgúns sinais de tráfico arrincados ou o que eu considero máis importante e imprescindible, o pintado de pasos de peóns nas inmediacións da rotonda de Andurique, algo que polo de agora non temos e representa un perigo evidente, tamén me remitiron a seguinte foto que aqui podedes ollar.

Foto de Luis Hermelo

Seto de Urbis en Andurique (Poio)
Nela pódese apreciar perfectamente que o seto que pertence á oficiña de vendas da inmobiliaria Urbis invade a beirarrúa, algo que veñen denunciando dende hai tempo pero que o concello non foi quén de arranxar polo de agora, tampouco de darlles unha explicación aos veciños, que siguen agardando polo arranxe de éste e diversos problemas máis que afectan á zona onde residimos. Xa abonda de este deixar facer por parte dos que nos governan, por favor que se poñan mans á obra e comecen a atar en curto a estes empresarios que semellan se-los donos das nosas rúas, que lembren que a cadeira que ocupan no concello non foi conseguida cós votos da xente da Kia ou de Urbis, senón de nós, os veciños empadroados en Poio e os que para as vindeiras eleccións teremos outra vez o seu futuro nas nosas mans, ¿ata cando teremos que agardar por solucións?.

Políticos de Poio, poñédevos as pilas e comezade a traballar pola xente de Andurique e do Pazo de Ferreirós, somos moitos veciños e tamén moitos votos, que non se vos esqueza.

Onte pasei por diante dela, é unha fermosísima casa de aldea moi ben restaurada e polo que semella tamén moi ben equipada, a galescola de Poio pertence á chamada Rede Galega de Escolas Infantís dependentes da Consellería de Vicepresidencia, si, a de Anxo Quintana, o mesmo que onte xunto có noso alcalde e algunhas personalidades máis a inauguraron de forma oficial o pasado venres, tanto ten que xa levara varios meses rematada, supoño que o importante era que hai uns dias que os cativos comezaron o novo curso e habia que deixar constancia delo. A escola infantil conta cun parque de xogos anexo a ela e espazo para aparcar coches e demais, se inda non fúchedes por alí non sabedes o que vos perdedes, non entrei dentro posto que fun por alí un domingo, pero por fora é unha marabilla de pedra, tella e madeira, remata todo o conxunto un canastro galego tamén moi fermoso. A Galescola de Poio conta cun blogue no que os pais poderán estar informados asi como olla-las fotos dos rapaciños, os seus xogos e actividades das que tanto desfrutan os condenados…

 A galescola de Poio

As galescolas tan criticadas por moitos dende a súa instauración, non deixan de ser unha ferramenta máis para educa-los nosos fillos, máis prazas na oferta de garderias infantís e por suposto un valor de futuro para o noso idioma, que algún queira ver politización, alienación ou adoctrinamento nelas é cousa del, eu personalmente recibo con agrado unha escola infantil con formato galego, que empregue o noso idioma e que estaxa no meu concello, ¿que máis podo pedir?.

O Concello de Poio semella que comeza a facer tímidos esforzos para palia-lo grave problema que temos có aparcamento indiscriminado en todo o municipio, sobre todo centrándonos no caso que máis me afecta, a zona de A Barca, Andurique e os arredores da urbanización do Pazo de Ferreirós. Hai dias que comezaron a pintar de amarelo diversas marxes de estradas interiores coma a Travesia de Viñas e tamén colocaron algúns bolardos de ferro fundido nalgunhas beirarrúas, pero iso non é para nada dabondo e o que adoitaba aparcar onde lle petaba segue a facer das súas, supoño que moitos de vós teredes ollado en infinidade de ocasións vehículos particulares nos carga/descarga, por riba de beirarrúas, pasos de peóns e demais, ¿porqué a Policia Local de Poio non fai nada? eu véxoos pasar por diante deses vehículos estacionados de calqueira maneira, molestando aos veciños e aos demais conductores e non fan nada para remedialo, somentes pasear e pasear có seu novo coche patrulla de arriba para abaixo da estrada PO-308, nada máis, ¿para iso traballan?

Foto de Luis HermeloFoto de Luis Hermelo

Aqui  podedes ollar unhas cantas fotos que me foron achegadas por Luis Hermelo, un veciño da zona francamente preocupado por esta situación e que ten denunciado ante o Concello de Poio e varias entidades máis este problema sen resposta algunha polo de agora, son unicamente unha pequena mostra do grave problema que conleva o deixar-facer por parte dos que nos governan.

¿Ata cando teremos que aturar esta situación? ¿Van a facer algo ao respecto?.

 

 

As vindeiras eleccións cada dia están máis perto e iso nótase tamén na política local, se hai un par de dias asistimos á reaparición das Xuventudes Socialistas en Poio, estes dias tamén a xente de Galiza Nova de Poio están a traballar na mesma dirección, na de facer máis públicas as súas convocatorias e actos de diversa índole, para todo isto que mellor que un espazo de difusión en internet, desde este verán xa dispoñen do enderezo www.galizanova-poio.blogspot.com desde o cal informarán a tódolos simpatizantes e veciños de Poio de todo o seu traballo na política local.

Stand de Galiza Nova na Festa do Mar 08

Semella que os partidos políticos de Poio comezan a abraza-las novas tecnoloxías facendo web’s ou blogues onde informar a tódolos veciños das súas actividades, por fin se están a dar conta de que unha páxina web informa se cadra máis e mellor que unha radio ou o propio xornal, desde aqui quero parabenizar iniciativas coma ésta que non fan máis que amplia-lo abano de posibilidades de información para tódolos veciños que estamos interesados.

Por certo, en canto ao Partido Popular de Javier Dominguez non atopei nin web nin blogue algún, o único, un video algo fantasioso colgado en Youtube -para partirse o de Poio WIFI- , asi que se algún de vós sabe do seu sitio en internet que me avise para podelo poñer nas ligazóns de Poio xunto cós outros partidos.

Está localizada nun dos extremos do xardín principal da urbanización, concretamente na rúa Antelo e Mariño, esta fonte é empregada por moitos dos veciños da nosa urbanización e dos arredores para abastecerse de auga tódolos dias. Eu xa fixera uso dela de neno, cando vivindo en Pontevedra achegábamonos de cando en vez para coller unha garrafa de auga, posto que polos arredores da cidade non habia demasiadas fontes e agora que vivo nas inmediacións pois con máis razón se cadra pásome alomenos unha vez á semana para coller algo de auga. Nunhas destas ocasións nas que estaba por alí, achegouse unha persoa coa intención de facer uso da fonte e ao verme ali preguntoume se aquela auga era potable, eu díxenlle que en principio si, e que levaba moitos anos bebéndoa, é máis, que hai uns meses falando cun vello do lugar que tamén estaba alí, éste dixérame que non habia problema e que podia bebela sen medo, ao cal o home contestoume que porqué non tiña logo un cartel colocado coa lenda de auga potable para que todo o que por alí se achegara non tivera dúbidas e fixera uso dela sen medo..

Pois iso mesmo me pregunto eu, ¿porqué a fonte do Pazo de Ferreirós e algunha máis no concello coma a de Lourido non teñen carteis indicadores da súa potabilidade? dame a impresión que nuncha houbo cartel ningún, porque xa de rapaz non me lembro de ollalo e agora tampouco me ten pinta de que houbera cartel e que o retiraran ou alguén o quitaran sen máis. Dende o Concello de Poio ben podian pasarse por alí a olla-lo estado da fonte en canto á salubridade da súa auga e tamén á limpeza do entorno, que algo de lixo sempre se acumula e non hai ninguén para recollelo, ademais dende hai semanas unha das dúas bocas que botaban auga deixou de facelo.

Pois iso, tomen nota das nosas demandas..

Y cual Ave Fénix resurgen de sus cenizas..

¿Será por mor das eleccións que xa están á vista de todos ou cecais porque de verdade algo está a mudar na realidade de Poio e a mocidade comeza a moverse? Ben sexa por unha ou outra cousa, as desaparecidas Xuventudes Socialistas de Poio voltarán a re-organizarse este vindeiro sábado 13 de Setembro segundo comentou aos medios a voceira do PSOE de Poio e tenente de alcalde Chelo Besada. A política municipal de base neste concello é practicamente inexistente, polo de agora e nos anos que levo aqui vivindo o único que vin foi algún cartaz de Galiza Nova de Poio reclamando algunhas melloras para o municipio, porque coido que de Nuevas Generaciones do Partido Popular non escoitei actividade de ningún tipo en anos e das Xuventudes Socialistas máis do mesmo, agora semella que voltarán con máis forza, polo visto serán ao redor duns dez integrantes o que formarán o colectivo pero ainda non se coñecen nomes.

 

Chelo Besada

Agardemos logo que a volta desta organización xuvenil sumada á xa existente de Galiza Nova en Poio, sirvan para darlle algo máis de vida á política municipal, xa se sabe que a mocidade sempre é máis rebelde e inconformista e tamén que está coas novas tecnoloxias, polo tanto tampouco estaria nada mal que ámbalas dúas tiveran na rede un blogue ou unha web para que nos teñan ao tanto das súas actividades, que polo de agora a presenza de Poio en internet é case que inexistente.

A denuncia que no seu dia fixo un dos visitantes deste blogue comeza a te-la súa repercusión nos medios, máis aló do nulo caso que lle fixeron no Concello de Poio. A Voz de Galicia informa hoxe na súa edición dixital, que os veciños de Andurique lévanse queixando xa uns cantos anos da deixadez municipal en canto ao control dos aparcamentos nas rúas e estradas do municipio, os vehículos aparcan con total impunidade en zonas prohibidas, de escasa visibilidade e inclusive por riba das beirarrúas, o caso do empresario de Poio que ten un negocio na avenida de Andurique e que nestas mesmas páxinas denunciamos no seu dia é boa mostra delo, estaciona ao longo de todo o dia un grande número de vehículos á venda na propia rúa e incluso en lugares nos que supón un grave perigo para a circulación.

Foto feita por un veciño de Andurique

Agardemos logo que tras esta repercusión nos medios e o bochorno público que para o Concello de Poio supón este feito, tomen medidas e arranxen este problema canto antes, polo de agora os veciños denunciaron este feito ante o Concello de Poio, Valedor do povo e Xunta de Galicia, sen obter unha solución por parte de ningún, tamén han de saber que contan có apoio de O Casal de Ferreirós para publicita-las súas demandas.

 

VIII Subida A ESCUSA POIO - 14 Setembro 2008
Campionato Galego de montaña, con coeficiente 7

Un ano máis chegan os rallies ao noso concello, este vindeiro fin de semana terá lugar unha proba máis do calendario galego de montaña, a subida á escusa, para a vosa información aqui vos poño algúns datos interesantes en canto a horarios e demais, asi que xa sabedes, gústenvos os rallies ou non, ésta é unha boa oportunidade de desfruta-la mañá do domingo dunha maneira diferente.

Verificacións ( Día 13): Ao carón da oficiña de protección civil de Poio, no campo da Seca, dende as 16:30 ata as 21:00 horas. Parque pechado: Aparcadorio da Seca.

Carreira ( Día 14 ): Comeza o Domingo a partires das 9:30 coa manga de entrenos e dúas oficiais, a saída será no Sartal.

Polo que me contou algún amigo entendido na materia, éste ano será o primeiro da escuderia Buxa Motor Poio, unha escuderia de recente creación e na que os seus integrantes son na súa maioria mulleres, algo novidoso cando menos a efectos de organización, porque en canto a pilotos xa sabedes que hai unhas cantas, ogallá teñan sorte e lles saia todo ben, nós estaremos alí na mañá do domingo para darlle vidilla á xornada, aqui tedes videos e imaxes para ir abrindo boca.

Ou alomenos o primeiro que coñezo e que se actualiza con relativa frecuencia, souben da súa existenza hai cousa dun par de semanas, cando empregou (previa petición) unha das miñas fotos para ilustrar un artigo no que, coma fixera eu no seu dia, denunciou a presenza de vehículos dun concesionario de Poio estacionados en plena estrada PO-308, diante precisamente do Casal de Ferreirós e provocando molestias aos veciños, aos cales impiden a normal visibilidade nese entronque.

O novo blogue de Poio

Polo que puiden ollar na súa páxina de presentación, Tonucha, que así é como se chama o/a blogueiro/a de Poio, comezou este proxecto có fin de dar a coñece-los problemas do lugar onde reside, a populosa urbanización do Pazo de Ferreirós, un lugar emblemático no desenrolo urbanístico da vila de Poio, pois foi construida hai catro anos convertíndose na primeira obra de envergadura que se realizou nese pequeno concello, o cal comezaba daquela o seu despegue urbanístico e agardemos que tamén económico e social. O  Casal de Ferreirós por senón o coñecedes é oficiña de turismo de Poio á par que sala de exposicións e de conferencias ubicada á entrada da urbanización, un edificio moi fermoso (podédelo ollar na cabeceira da web municipal) que foi magnificamente reconstruido hai anos e que vos recomendo visitar cando poidades.

Pois nada, dende A ponte vella non me queda outra que parabenizar esta iniciativa por parte de O casal de Ferreirós e darlle-la benvida ao blogomillo pontevedrés, agardo que teña sorte e sexa punto de debate da actualidade de Poio, que polo de agora semella inda estar espertando nisto da internet.

Chuzame! chuzame -

Cartaz oficial da exposición

Despois de pasar pon Pontevedra alá pola primaveira se mal non me lembro, chega a Poio a exposición in itínere “Nazón de Breogán”, organizada pola Xunta de Galiza, esta exposición que poderemos ollar no Casal de Ferreirós mostra a nosa historia ata o ano 1936, centrándose na identidade de Galiza e facendo un repaso de toda a nosa traxectoria dende a época castrexa ata os tempos do Rexurdimento no que destacou como un dos seus principais impulsores Manuel Murguía, o esposo de Rosalía de Castro, fala tamén das importantes figuras de Xelmirez ou de Prisciliano, do que se conta que pode estar soterrado na Catedral de Santiago de Compostela no sartego do Apostol Santiago.

Xa sabedes, se tedes un chisco de tempo ésta é unha boa oportunidade para repasa-la nosa historia e desfrutar dela, segundo puiden ler no cartaz, a exposición terá lugar do 1 ao 14 de Setembro, o seu horario de luns a venres será de 08:00 a 14:00 horas e como xa vos dixen no Casal de Ferreirós de Poio, recomendo a súa visita pero teño que dicir que non estou para nada dacordo có seu horario, para ser somentres quince dias ben podian abrir en horario de mañá e de tarde ou se cadra no mesmo horario pero tamén os sábados, están abrindo en horario de oficiñas e non todos somos funcionarios, polo tanto eu que inda non tiven oportunidade de ollala coido que non poderei tampouco ir nesta ocasión, se isto chega a oidos do Concello de Poio, por favor fagan un esforzo e abran o sábado ou polas tardes, máis que nada para que moita xente que traballa de luns a venres poida tamén pasarse por alí.