Está localizada nun dos extremos do xardín principal da urbanización, concretamente na rúa Antelo e Mariño, esta fonte é empregada por moitos dos veciños da nosa urbanización e dos arredores para abastecerse de auga tódolos dias. Eu xa fixera uso dela de neno, cando vivindo en Pontevedra achegábamonos de cando en vez para coller unha garrafa de auga, posto que polos arredores da cidade non habia demasiadas fontes e agora que vivo nas inmediacións pois con máis razón se cadra pásome alomenos unha vez á semana para coller algo de auga. Nunhas destas ocasións nas que estaba por alí, achegouse unha persoa coa intención de facer uso da fonte e ao verme ali preguntoume se aquela auga era potable, eu díxenlle que en principio si, e que levaba moitos anos bebéndoa, é máis, que hai uns meses falando cun vello do lugar que tamén estaba alí, éste dixérame que non habia problema e que podia bebela sen medo, ao cal o home contestoume que porqué non tiña logo un cartel colocado coa lenda de auga potable para que todo o que por alí se achegara non tivera dúbidas e fixera uso dela sen medo..

Pois iso mesmo me pregunto eu, ¿porqué a fonte do Pazo de Ferreirós e algunha máis no concello coma a de Lourido non teñen carteis indicadores da súa potabilidade? dame a impresión que nuncha houbo cartel ningún, porque xa de rapaz non me lembro de ollalo e agora tampouco me ten pinta de que houbera cartel e que o retiraran ou alguén o quitaran sen máis. Dende o Concello de Poio ben podian pasarse por alí a olla-lo estado da fonte en canto á salubridade da súa auga e tamén á limpeza do entorno, que algo de lixo sempre se acumula e non hai ninguén para recollelo, ademais dende hai semanas unha das dúas bocas que botaban auga deixou de facelo.

Pois iso, tomen nota das nosas demandas..

Y cual Ave Fénix resurgen de sus cenizas..

¿Será por mor das eleccións que xa están á vista de todos ou cecais porque de verdade algo está a mudar na realidade de Poio e a mocidade comeza a moverse? Ben sexa por unha ou outra cousa, as desaparecidas Xuventudes Socialistas de Poio voltarán a re-organizarse este vindeiro sábado 13 de Setembro segundo comentou aos medios a voceira do PSOE de Poio e tenente de alcalde Chelo Besada. A política municipal de base neste concello é practicamente inexistente, polo de agora e nos anos que levo aqui vivindo o único que vin foi algún cartaz de Galiza Nova de Poio reclamando algunhas melloras para o municipio, porque coido que de Nuevas Generaciones do Partido Popular non escoitei actividade de ningún tipo en anos e das Xuventudes Socialistas máis do mesmo, agora semella que voltarán con máis forza, polo visto serán ao redor duns dez integrantes o que formarán o colectivo pero ainda non se coñecen nomes.

 

Chelo Besada

Agardemos logo que a volta desta organización xuvenil sumada á xa existente de Galiza Nova en Poio, sirvan para darlle algo máis de vida á política municipal, xa se sabe que a mocidade sempre é máis rebelde e inconformista e tamén que está coas novas tecnoloxias, polo tanto tampouco estaria nada mal que ámbalas dúas tiveran na rede un blogue ou unha web para que nos teñan ao tanto das súas actividades, que polo de agora a presenza de Poio en internet é case que inexistente.

A denuncia que no seu dia fixo un dos visitantes deste blogue comeza a te-la súa repercusión nos medios, máis aló do nulo caso que lle fixeron no Concello de Poio. A Voz de Galicia informa hoxe na súa edición dixital, que os veciños de Andurique lévanse queixando xa uns cantos anos da deixadez municipal en canto ao control dos aparcamentos nas rúas e estradas do municipio, os vehículos aparcan con total impunidade en zonas prohibidas, de escasa visibilidade e inclusive por riba das beirarrúas, o caso do empresario de Poio que ten un negocio na avenida de Andurique e que nestas mesmas páxinas denunciamos no seu dia é boa mostra delo, estaciona ao longo de todo o dia un grande número de vehículos á venda na propia rúa e incluso en lugares nos que supón un grave perigo para a circulación.

Foto feita por un veciño de Andurique

Agardemos logo que tras esta repercusión nos medios e o bochorno público que para o Concello de Poio supón este feito, tomen medidas e arranxen este problema canto antes, polo de agora os veciños denunciaron este feito ante o Concello de Poio, Valedor do povo e Xunta de Galicia, sen obter unha solución por parte de ningún, tamén han de saber que contan có apoio de O Casal de Ferreirós para publicita-las súas demandas.

 

VIII Subida A ESCUSA POIO - 14 Setembro 2008
Campionato Galego de montaña, con coeficiente 7

Un ano máis chegan os rallies ao noso concello, este vindeiro fin de semana terá lugar unha proba máis do calendario galego de montaña, a subida á escusa, para a vosa información aqui vos poño algúns datos interesantes en canto a horarios e demais, asi que xa sabedes, gústenvos os rallies ou non, ésta é unha boa oportunidade de desfruta-la mañá do domingo dunha maneira diferente.

Verificacións ( Día 13): Ao carón da oficiña de protección civil de Poio, no campo da Seca, dende as 16:30 ata as 21:00 horas. Parque pechado: Aparcadorio da Seca.

Carreira ( Día 14 ): Comeza o Domingo a partires das 9:30 coa manga de entrenos e dúas oficiais, a saída será no Sartal.

Polo que me contou algún amigo entendido na materia, éste ano será o primeiro da escuderia Buxa Motor Poio, unha escuderia de recente creación e na que os seus integrantes son na súa maioria mulleres, algo novidoso cando menos a efectos de organización, porque en canto a pilotos xa sabedes que hai unhas cantas, ogallá teñan sorte e lles saia todo ben, nós estaremos alí na mañá do domingo para darlle vidilla á xornada, aqui tedes videos e imaxes para ir abrindo boca.

Ou alomenos o primeiro que coñezo e que se actualiza con relativa frecuencia, souben da súa existenza hai cousa dun par de semanas, cando empregou (previa petición) unha das miñas fotos para ilustrar un artigo no que, coma fixera eu no seu dia, denunciou a presenza de vehículos dun concesionario de Poio estacionados en plena estrada PO-308, diante precisamente do Casal de Ferreirós e provocando molestias aos veciños, aos cales impiden a normal visibilidade nese entronque.

O novo blogue de Poio

Polo que puiden ollar na súa páxina de presentación, Tonucha, que así é como se chama o/a blogueiro/a de Poio, comezou este proxecto có fin de dar a coñece-los problemas do lugar onde reside, a populosa urbanización do Pazo de Ferreirós, un lugar emblemático no desenrolo urbanístico da vila de Poio, pois foi construida hai catro anos convertíndose na primeira obra de envergadura que se realizou nese pequeno concello, o cal comezaba daquela o seu despegue urbanístico e agardemos que tamén económico e social. O  Casal de Ferreirós por senón o coñecedes é oficiña de turismo de Poio á par que sala de exposicións e de conferencias ubicada á entrada da urbanización, un edificio moi fermoso (podédelo ollar na cabeceira da web municipal) que foi magnificamente reconstruido hai anos e que vos recomendo visitar cando poidades.

Pois nada, dende A ponte vella non me queda outra que parabenizar esta iniciativa por parte de O casal de Ferreirós e darlle-la benvida ao blogomillo pontevedrés, agardo que teña sorte e sexa punto de debate da actualidade de Poio, que polo de agora semella inda estar espertando nisto da internet.

Chuzame! chuzame -

Cartaz oficial da exposición

Despois de pasar pon Pontevedra alá pola primaveira se mal non me lembro, chega a Poio a exposición in itínere “Nazón de Breogán”, organizada pola Xunta de Galiza, esta exposición que poderemos ollar no Casal de Ferreirós mostra a nosa historia ata o ano 1936, centrándose na identidade de Galiza e facendo un repaso de toda a nosa traxectoria dende a época castrexa ata os tempos do Rexurdimento no que destacou como un dos seus principais impulsores Manuel Murguía, o esposo de Rosalía de Castro, fala tamén das importantes figuras de Xelmirez ou de Prisciliano, do que se conta que pode estar soterrado na Catedral de Santiago de Compostela no sartego do Apostol Santiago.

Xa sabedes, se tedes un chisco de tempo ésta é unha boa oportunidade para repasa-la nosa historia e desfrutar dela, segundo puiden ler no cartaz, a exposición terá lugar do 1 ao 14 de Setembro, o seu horario de luns a venres será de 08:00 a 14:00 horas e como xa vos dixen no Casal de Ferreirós de Poio, recomendo a súa visita pero teño que dicir que non estou para nada dacordo có seu horario, para ser somentres quince dias ben podian abrir en horario de mañá e de tarde ou se cadra no mesmo horario pero tamén os sábados, están abrindo en horario de oficiñas e non todos somos funcionarios, polo tanto eu que inda non tiven oportunidade de ollala coido que non poderei tampouco ir nesta ocasión, se isto chega a oidos do Concello de Poio, por favor fagan un esforzo e abran o sábado ou polas tardes, máis que nada para que moita xente que traballa de luns a venres poida tamén pasarse por alí.

Contan na Voz de Galicia que o Concello de Poio está xa a prepara-la novena edición da Festa do mar de Combarro, sen dúbida un dos eventos máis sobranceiros do verán poiense, ollando esta noticia viñéronme á cabeza diversas cuestións.

Ninguén dubida que a Festa do mar foi un grande acerto do Concello de Poio, o que xa non teño moi claro é no que se está a converter có paso do tempo, coido que rematará por ser unha festa máis para o turista que nos visita e non para os veciños que aqui estamos todo o ano. A masificación nunca é cousa boa e as infraestructuras deficitarias dan boa fe delo, ao grave problema do tráfico e do estacionamento únese a intención do concello de dar cabida a máis e máis comensais cada ano na mostra gastronómica, e ao meu parecer isto rematará por engullir á propia festa do mar e rematará morrendo de éxito. O concello debe primar por enriba de todo o plano cultural da festa e darlle a importancia que se merece aos encontros de embarcacións tradicionais (este ano houbo pesenza na Bretaña) e á feira de mostras por riba da vertente gastronomica do evento, ésa ben sabemos todos que non a teñen que potenciar, porque para unha boa papadela sempre estamos dispostos e a pouco que o publiciten xa nos apuntamos.

www.lavozdegalicia.com 

O tema dos concertos foi case un éxito ao 100%, e fala alguén que este ano non puido estar presente, pero segundo me contaron o Combo dominicano non enganchou á xente e mellor era algunha boa orquestra galega, que sempre ten moito tirón e xogas sobre seguro, os que tampouco ficaron demasiado contentos son a xente de Vides Novas, a agrupación folclórica de Poio, ou alomenos é o que puiden entresacar no seu blogue.

O dito, agardemos que para o ano estuden ben o tema e preparen (como semella están a facer) a festa con tempo dabondo para que sexa todo un éxito de novo, agardemos tamén que teñan ben contenta á xente de Cespa para que non aconteza o deste ano.

Concesionario Mara-Poio na estrada PO-308.

¿A rúa é de todos ou somentes duns cantos?, ésta sería unha boa pregunta que ben lle poderíamos facer a un empresario adicado á venda de vehículos que ten o seu negocio no noso concello de Poio, estouvos a falar do concesionario Mara-Poio, o que todos coñeceredes por vende-la marca KIA nun establecemento radicado perto do Casal de Ferreirós, na estrada principal que une Pontevedra con Sanxenxo.

Pois ben, fágome eco dun interesante artigo mediante o cal un blogueiro pontevedrés denunciaba o feito de que este empresario leva a súa actividade comercial á rúa, e que os seus vehículos invaden completamente as prazas de aparcamento públicas. Dende A ponte vella incidian no feito de que algúns deles están en moitas ocasións estacionados na mesma estrada e diante da parada do autobús de liña que temos diante do Casal de Ferreirós, coa conseguinte merma de visibilidade para os que baixamos pola rúa Viñas ata a confluencia coa estrada xeral, eu tamén quixera ir máis alá e salienta-lo feito de que este home ocupa numerosas prazas de estacionamento cós seus automóbiles e furgonetas, teño chegado a contar seis ou sete e iso non deberia estar permitido baixo ningún concepto.

Vehãulos impedindo a visibilidade

Dende aqui súmome á denuncia pública feita por Breogain no seu blogue A ponte vella e solicito tamén do Concello de Poio unha pronta resolución deste tema, que supoño molestará igualmente a moitos veciños que baixan pola rúa Viñas ata a confluencia coa estrada xeral de Sanxenxo.

Supoño que xa vos daríades conta, hai un par de dias que os veciños de Poio estamos inmersos nunha folga de recollida do lixo, unha cousa semellante á que tivo a veciña Pontevedra anos atrás e que da que este ano librouse por pouco. O pasado sábado os traballadores de Cespa comezaban unha folga indefinida que polo de agora dura xa catro dias e que acumula nas rúas máis de cen toneladas de lixo, polo de agora somentes se están a cumpri-los servizos mínimos o que quere dicir que unicamente serán valeirados os colectores de lixo dos centros sanitarios, efectivamente na mañá de onte puiden compromar como unha carroceta de Cespa recollia o lixo do centro xeriátrico que está enclavado na nosa urbanización, o Tanatorio Ballesol. Polo de agora coido que non se pode falar de problema de salubridade, pero como esta situación continúe por máis tempo si poderemos chegar a elo, esta mesma noite a morea de bolsas e cartóns que tiñamos nos colectores sitos nos xardins da urbanización Pazo de Ferreirós xa alcanzaban unha certa altura.

Dende aqui abogo polo entendemento entre o alcalde Luciano Sobral e mailo seu equipo de governo e os traballadores de Cespa, supoño que as peticións destes últimos serán as mesmas que foron en Pontevedra no seu dia, principalmente unha suba salarial, agardo polo tanto unha pronta resolución deste conflicto que nos preocupa e nos afecta a tódolos veciños, ademais estamos ás portas da Festa do Mar e os problemas no casco histórico de Combarro poderían ser tamén moi negativos para o turismo.

Editado o 21/08/08: No dia de onte chegouse a un acordo que puxo fin á folga, os traballadores acadaron os seus obxectivos salariais, aqui tede-la nova no Diario de Pontevedra.

O vindeiro dia 17 de agosto celébrarase un acto político no noso concello, será concretamente no monumento erixido á memoria do insigne galeguista Alexandre Bóveda e consistirá nunha oferenda floral, este monumento como moitos de vós saberedes, está situado na subida á Caeira, ao carón da parada de taxis de A Barca, nese mesmo sitio honraran a súa memória o alcalde de Poio Luciano Sobral e varios cargos do B.N.G. entre os cales estará o seu voceiro nacional e vicepresidente da Xunta Anxo Quintana.

Luciano Sobral e Anxo Quintana 

Esta oferenda floral terá lugar ao redor das 13:00 horas e será o primeiro dunha serie de actos que se desenrolarán ao longo do dia e que finalizarán cun derradeiro homenaxe político diante do seu busto na praza de Curros Enriquez de Pontevedra, aqui tede-la cronoloxía dos actos a desenvolver ao longo de todo o dia:

• 13:00 h. HOMENAXE INSTITUCIONAL A ALEXANDRE BÓVEDA.

  • No monumento a Alexandre Bóveda na Caeira en Poio. Intervirán:

-Anxo Quintana (Vicepresidente da Xunta de Galiza)

-Luciano Sobral (Alcalde de Poio)

-Fernando Quintela (Presidente da Fundación Alexandre Bóveda)

- Xosé Luís Bóveda (Vicepresidente da Fundación A. Bóveda e fillo de A. Bóveda)

• 14:00 h. XANTAR DE ENTREGA DO III PREMIO DIA DE GALIZA MARTIR Á RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA A TERESA ALVAJAR

  • No Pazo de Cultura, Rúa Alexandre Bóveda, Pontevedra.

• 18:30 H. CERIMONIA DE ANIVERSARIO NA CAPELA DE SAN MAURO (PONTEVEDRA)

• 19:00 H. ACTO CÍVICO DIANTE DO SARTEGO DE ALEXANDRE BÓVEDA

  •  No Cemiterio de San Mauro (Pontevedra)

- Cesáreo Sánchez (Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega)

• 20:30 H. LEMBRANZA POLÍTICA NO MONUMENTO A ALEXANDRE BÓVEDA

  •  Na Praza de Curros Enríquez diante do monumento a Bóveda (Pontevedra)

- Bieito Lobeira (Deputado e coordinador do grupo parlamentar do BNG)

- Miguel Anxo Fdez. Lores (Alcalde de Pontevedra)

Dende esta páxina chamámosvos a participar nos actos convocados na memoria deste galeguista asasinado na Caeira polas tropas franquistas no ano 1936, Alexandre Bóveda traballou arreo por Pontevedra e polos galegos e por ese amor á súa pátria foi vilmente asasinado sen sequera ter un xuizo xusto.

Verán e turistas sempre foron da man, e cando chega o mes de agosto o noso concello de Poio non é alleo a esta voráxine invasionista (sempre falando no bo sentido claro). Este mesmo serán falaba con dous veciños de tempada, destes que so veñen a ocupa-la súa vivenda xusto debaixo do meu piso no verán porque son turistas, e para máis datos de Madrid, comentábanme cunha mestura de tristeza e resignación que no primeiro dia da súa estadia aqui foran dar unha voltiña polas praias de Lourido, Cabeceira e Campelo e que aquilo daba mágoa velo, queixábanse de que tendo unhas praias urbanas que poderian dar tanto “xogo”, era unha verdadeira tristeza ollalas cheas de lixo e algas en pleno mes de agosto, como era posible que o Concello de Poio non fixera algo por adecenta-las un pouco, xa non para nós, os turistas (dician eles), senón para todos vós que vivides aqui e que pola semana non vos podedes achegar ás praias da Lanzada ou de O Grove e queredes facer unha escapada ás de aqui mesmo, a cinco minutos da casa.

Eu como veciño de Poio, a verdade é que non souben que dicir, coido que é a Deputación de Pontevedra a encargada coas súas máquinas de limpa-la praia, pero o mesmo concello ben podia enviar unha brigada de limpeza tódalas mañás a facer unha batida do máis gordo, alomenos nos meses de xullo e agosto. Para documenta-lo artigo engado unha foto que foi tirada na praia de Campelo e que pertence á edición dixital de La Voz de Galicia.

Agardo que o Concello de Poio e mailo seu concellal competente Gregorio Agís tomen cartas no asunto.

Ola navegante !!

Supoño que chegarias a este sitio de casualidade, ou ben facendo unha pescuda do tag “Poio” no Google ou por algunha ligazón noutro blogue. Este primeiro post que estás a ler é de proba e de presentación, unha benvida ou se cadra unha declaración de intencións, non pretendo que este blogue sexa un portal de información de Poio, para iso xa tede-lo diario de Pontevedra -porque tampouco hai moita máis información on-line- senón máis ben un lugar onde falar, comentar ou denuncia-las cousas que acontecen no lugar onde resido. Cecais preguntarédesvos o porqué do nome, pois ben, non é nin máis nin menos porque O Casal de Ferreirós é un elemento destacado do patrimonio deste concello e porque está ás portas dunha urbanización de recente creación chamada “Pazo de Ferreirós”, lugar onde resido e no que, grazas a tecnoloxía galega de R podo conectarme a internet, cousa ésta que por outra parte inda está vetada para a meirande parte dos veciños do noso concello, pois semella que a tecnoloxía so é cousa duns poucos afortunados polo de agora.

Dito isto, non me resta máis que dárvola benvida a este pequeno recuncho da rede, no que de cando en vez postearemos algunha cousa de Poio pero atendendo preferentemente ao problemas do Pazo de Ferreirós e arredores, vos xa diredes logo se vos interesante ou non. Coido que non fai falla lembrarvos que os vosos comentarios sempre serán ben recibidos.

Un saúdo e benvidos a O casal de Ferreirós, un pequeno recuncho de Poio.